Gómez Besteiro solidarízase en Ourense cos afectados polos incendios e esixe a Alfonso Rueda unha estratexia de país para previr o lume

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe a provincia de Ourense para coñecer de primeira man a situación dos incendios forestais que asolan a zona, onde 11 dos 15 lumes activos en Galicia superan as 20 hectáreas. Besteiro desprazouse ao concello de Maceda, un dos máis afectados, para amosar o seu apoio e solidariedade cos veciños e veciñas.

Apoio aos afectados e aos equipos de extinción

Acompañado por cargos socialistas como as deputadas Carmen Rodríguez Dacosta e Marga Martín, Besteiro reuniuse coa alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo. A rexedora explicoulle as dificultades dos equipos de extinción, lembrando que onte se viu obrigada a abandonar o seu vehículo, que foi calcinado polas lapas.

O líder socialista trasladou o seu recoñecemento a todos os profesionais que loitan contra o lume. «Estamos a carón das persoas afectadas e dos equipos de extinción, sentindo a súa preocupación e facendo nosa a súa loita», afirmou, e desexou unha pronta recuperación aos brigadistas feridos no incendio de Oímbra.

Besteiro tamén lamentou a perda de patrimonio natural. «Cada hectárea que arde é un anaco de nós que se perde», asegurou, e engadiu que o lume destrúe «montes e biodiversidade que custaron séculos, e tamén moitos proxectos de futuro».

Críticas á xestión da Xunta e esixencia de solucións

Para Besteiro, esta situación non é só unha traxedia natural, senón tamén a consecuencia do abandono do rural e da «ausencia de políticas de prevención» por parte da Xunta de Galicia. Cualificou este «baleiro» de «caldo de cultivo para que o lume avance sen freo».

Pola súa banda, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta insistiu en que, unha vez superada a emerxencia, será necesario un cambio de modelo na xestión dos incendios. A alcaldesa Uxía Oviedo agradeceu o compromiso dos veciños, que se sumaron aos labores de extinción, e destacou a chegada da Unidade Militar de Emerxencias (UME) como un reforzo fundamental.

Comparte éste artículo
No hay comentarios