O BNG provincial criticou hoxe a ausencia do vicepresidente e responsable da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, no acto institucional do Día de Galiza Mártir en A Caeira organizado polo Concello de Poio. A deputada nacionalista María Ortega, anterior responsable do departamento durante o goberno bipartito, sinalou que a incomparecencia de Domínguez é unha nova mostra do “alarmante desinterese” da administración provincial no coidado e promoción da memoria.
Ortega subliña que a equipa de goberno do PP está deixando ás claras que a memoria non é unha prioridade no seu goberno e que o suposto compromiso “persoal e político” coa área do que sempre se gaba Rafa Domínguez “é unha escenificación cara a galería”.
A responsable do Bloque lembra que nos dous anos de mandato, o dirixente provincial do Partido Popular apenas organizou un evento propio –a pesares de ter un departamento con orzamento e persoal específico- “e agora xa nin se molesta en asistir a un dos actos máis importantes do memorialismo galego, aínda que sexa por respecto”.
“Tanto o presidente como o vicepresidente están presentes en canta festa, papadela e celebración hai pola provincia adiante, sen embargo, delegan a súa presenza no acto da Galiza Mártir. Os feitos son os feitos: a ausencia de calquera dos dous principais representantes da Deputación de Pontevedra hoxe na Caeira amosa o pouco valor e respecto deste goberno provincial por manter a memoria viva”, subliña Ortega.
A nacionalista lembra que nos últimos dous anos a presenza de Domínguez no acto de Poio limitábase a unha mera cuestión de imaxe “ e finximento”, mais este ano nin sequera fixo o esforzo de estar presente. “Este cambio significativo no seu comportamento reflicte unha preocupante tendencia cara ao desmantelamento total do departamento de Memoria Histórica”, subliña.
No último Pleno da Corporación, ante a afirmación do presidente Luís López de que “coa memoria histórica séguense facendo cousas, pero con outra dirección”, a deputada María Ortega xa se dirixira ao equipo de goberno para pedir explicacións sobre cal é a citada dirección que está a tomar o departamento provincial. Non tivo resposta. Coa ausencia hoxe de López e de Domínguez para lembrar a Bóveda, Ortega reafírmase en que o camiño que se está a seguir é o da “ total desactivación do departamento de Memoria Provincial”. “É inaceptable que un área encargada de preservar a memoria histórica non programe actos propios dignos e significativos. A ausencia de iniciativas concretas e comprometidas, xunto coa falta de presenza en actos memorables, indica unha dirección cara á nada. O compromiso coa memoria histórica non pode ser só unha cuestión de fachada; debe traducirse en accións efectivas e un verdadeiro interese por honrar o legado daquelas persoas que nos precederon e que traballaron por unha sociedade máis xusta”, indica Ortega