Sumar Galicia acusa a Feijóo de «imprudente» e sinala a súa «responsabilidade» nos incendios

A presidenta de Movemento Sumar Galicia, Verónica Barbero, criticou con dureza a xestión dos lumes e sinalou a responsabilidade de Alberto Núñez Feijóo, ex presidente da Xunta, na situación actual. Nunha entrevista en RNE, Barbero calificou a Feijóo de «imprudente» e subliñou que «estes lumes tampouco están tan lonxe da súa propia responsabilidade», xa que gobernou Galicia durante «moitísimos anos».

Barbero expresou a súa «pena, preocupación e frustración» pola vaga de incendios e manifestou que «a xente que estamos na política temos que ser serias sempre, pero moito máis cando hai xente sufrindo». Lamentou que «algúns comportamentos politicamente irresponsables, nos feitos e nas verbas» estean a afectar a «vidas enteiras».

A portavoz de Sumar Galicia insistiu en que a prevención e extinción dos incendios seguen a aplicarse con medidas de hai «trinta ou cincuenta anos», sen ter en conta a realidade do cambio climático.

Falta de recursos e infraestrutura de mando

Movemento Sumar Galicia insiste na necesidade de «deixar a liorta política de lado» para centrarse na extinción dos lumes. A formación pide a elevación do nivel de alarma e un «aumento racional e asimilable» dos medios dispoñibles.

Ademais, a organización alerta de que os profesionais informan de que non hai capacidade para controlar os medios aéreos existentes. Tamén sinalan a súa preocupación polas denuncias de que algúns centros de control perderon o acceso aos seus sistemas por mor dos cortes de luz e internet, e mostran a súa estrañeza pola inexistencia de sistemas de respaldo.

Para Sumar, «aumentar os medios humanos e técnicos, especialmente aéreos, parece necesario, pero facelo sen dispoñer dunha estrutura de mando capaz de xestionalos, é perigoso e ineficiente», e conclúen que isto é «o resultado de anos de conxelación orzamentaria e escaseza de medios provocada polas políticas de privatización do PP».

Finalmente, a organización considera «inútiles» e «negacionistas» as peticións de aumentar as penas no Código Penal para os incendiarios, pois considera que «dicir que os incendios só responden a actitudes individuais é negar a realidade da responsabilidade do goberno autonómico na nula prevención: o monte non arde se está atendido».

Comparte éste artículo
No hay comentarios