O voceiro dos nacionalistas en Camariñas, Xurxo Rodríguez, anuncia que “levaremos a pleno esta cuestión e agardamos que o Concello tome nota e impulse medidas para controlar posíbeis prácticas incívicas e insalubres en Camariñas”.
O BNG de Camariñas vén de demandar unha regulación para autocaravanas no municipio para evitar “prácticas incívicas de todo tipo”, así como estacionamentos en lugares que non están habilitados para este tipo de vehículos.
A formación nacionalista considera que debe existir un control nesta cuestión para que non se dean problemas que xa se ven noutras localidades, e apunta que “hai uns días o Concello de Camariñas rogaba á poboación a realizar un uso responsable da auga, e vemos como no noso municipio hai xente con autocaravanas que realizan prácticas totalmente contrarias ás recomendacións”.
O voceiro municipal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, sinalou que “noutros municipios vemos casos de autocaravanas que verten lixo en calquera lado, aparcan en sitios que non deberían, usan auga collida de onde lles dá a gana, e incluso tiran as súas augas fecais en calquera sitio; e todo isto sen pagar ademais nin canon nin taxa algunha”.
“Levaremos a pleno esta cuestión, e agardamos que o Concello tome nota e impulse medidas para controlar posíbeis prácticas incívicas e insalubres en Camariñas”, insistiu o portavoz do BNG de Camariñas.