A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña pon en marcha neste ano 2025, coa financiación da Xunta de Galicia, e en colaboración co Concello de Betanzos, a 7ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para os adultos maiores, que se desenvolverá entre os meses de setembro e outubro, no Cine Teatro Alfonsetti, en Betanzos.
A inscrición será gratuíta e poderá realizarse do 3 ao 18 de setembro, tanto en liña, a través da páxina web https://universidadesenior.org/betanzos/, como de maneira presencial no Departamento de Educación do Concello de Betanzos. Para calquera dúbida ou trámite relacionado coa inscrición, as persoas interesadas poden dirixirse á conserxería do andar superior do Edificio Liceo, en horario de atención de 10:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00, agás os luns.
O programa consta de tres módulos, con sesións teóricas e prácticas, impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
- 23 de setembro: “A Dirección Artística no Cine”, Profa. Victoria de León Sanjuán
- 24 de setembro: “Literaturas do Mundo: unha viaxe á orixe dos libros”, Profa. Elena Martín Cancela
- 30 de setembro: “A xestión do común: Unha visión desde a economía e os comics”, Prof. Manuel Gómez Suárez
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
- 7 de outubro: “(Bio)invasións en Galicia: mecanismo, impacto e xestion”, Prof. Sergio Rodríguez Roiloa
- 8 de outubro: “ADN Antigo e Evolución Humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes”, Profa. Gloria Mª González Fortes
- 14 de outubro: “Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas”, Prof. Álvaro Michelena Grandío
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
- 21 de outubro: “A saúde que nace da participación”, Profa. Silvia Veiga Seijo
- 22 de outubro: “O Cambio Climático: causas e consecuencias”, Prof. Salvador Fojón Polanco
- 28 de outubro: “Boas Prácticas para o Coidado do Benestar Psicolóxico”, Prof. Carlos Freire Rodríguez
Clausura e xornada cultural na Coruña
O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 29 de outubro de 2025.
Con este Programa, a Universidade Sénior achégase un ano máis ás persoas maiores de 50 anos de Betanzos e maila súa comarca, coa intención de seguir dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como ven facendo desde a súa primeira edición o ano 2018.