Os sindicatos CCOO, UGT e CIG fan un chamamento conxunto ás plantillas do sector hostaleiro de Galicia para participar nunha concentración o mércores 20 de agosto, ás 19:00 horas, no Peirao Calvo Sotelo da Coruña, coincidindo coa entrada ao evento “The Champions Burger” das Festas de Agosto.
O obxectivo da mobilización é denunciar a situación de bloqueo que atravesa a negociación do convenio provincial de hostalaría, que afecta a preto de 20.000 traballadoras e traballadores na rexión. A negociación, que debería iniciarse en xaneiro de 2025, está paralizada debido á actitude obstrucionista e prepotente da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais, entre eles a eliminación do Complemento IT, que garante o 100% do salario en caso de baixa durante os primeiros 12 meses.
CCOO, UGT e CIG denuncian que esta postura patronal ignora o crecemento exponencial do sector e os récords históricos de turismo e facturación en Galicia, así como o aumento desproporcionado do custo da vida en 2025. Por iso, esixen unha negociación con perspectiva social, que contemple a actualización salarial e melloras nas condicións de traballo, como a saúde laboral, a xornada e a conciliación familiar.
As organizacións sindicais convocantes fan un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector para que se sumen a esta concentración e visibilicen o malestar e a reivindicación dun convenio xusto e digno.