Mulleres Salgadas, asociación feminista de mulleres do mar de Galicia, anuncia a renovación da súa xunta directiva elixida na asemblea xeral celebrada onte (18 de agosto) en Vilagarcía de Arousa. A nova presidencia será ocupada por María Vales Martínez, quen asume o cargo co obxectivo de continuar e impulsar o labor da organización.
María Vales Martínez, socia da asociación desde os seus inicios, conta cunha ampla experiencia no sector e foi durante oito anos Patroa Maior da Confraría de Vilanova de Arousa. O seu liderado centrarase na promoción da igualdade, a paridade nos órganos de representación e o apoio ás mulleres do mar.
A nova presidenta sucede a Dolores Gómez Ordóñez, quen estivo á fronte da asociación durante o últimos seis anos. Baixo a dirección de Gómez Ordóñez, Mulleres Salgadas experimentou un notable crecemento, consolidándose como unha voz fundamental para as mulleres do sector. Dolores Gómez Ordóñez seguirá formando parte da xunta directiva, sucedendo a Sandra Amezaga Menéndez no rol de secretaria.
A nova xunta directiva tamén incorpora a Marinha Guizán Cascón, Inmaculada Rodríguez Rial e Maria Dolores Dieste Triñanes como vogais, achegando novas perspectivas e enerxías ao equipo.
Pola súa banda, Celia Herbón Dieste continúa como vicepresidenta, Susana Silva Alonso no seu posto de tesoureira e Concepción Ramallo Sampedro mantén o seu cargo como vogal.
A nova xunta directiva, con María Vales á cabeza, reafirma o compromiso de Mulleres Salgadas coa súa misión e obxectivos, nunha liña continuista, fortalecendo o papel das mulleres nun sector de vital importancia para a economía de Galicia.
Composición nova xunta directiva:
| MARIA JOSÉ VALES MARTÍNEZ | PRESIDENTA |
| CELIA HERBÓN DIESTE | VICEPRESIDENTA |
| DOLORES GÓMEZ ORDOÑEZ | SECRETARIA |
| SUSANA SILVA ALONSO | TESORERA |
| CONCEPCIÓN RAMALLO SAMPEDRO | VOGAL |
| INMACULADA RODRÍGUEZ RIAL | VOGAL |
| MARINHA GUIZÁN CASCÓN | VOGAL |
| MARIA DOLORES DIESTE TRIÑANES | VOGAL |