O PSOE de Galicia acusa á TVG de dar unha cobertura sesgada e insuficiente sobre a vaga de incendios que afecta a comunidade, enfocándose en propaganda política en vez de en información rigorosa.
A deputada Silvia Longueira rexistrou varias iniciativas no Parlamento de Galicia para pedir explicacións sobre o tratamento informativo da CRAG (Corporación de Radio Televisión de Galicia). Segundo a socialista, a TVG minimizou a gravidade dos lumes e evitou aclarar que a xestión corresponde á Xunta de Galicia, dirixindo as críticas cara ao Goberno central. Tamén denuncia un «desfile» de cargos do PP nas emisións, cunha maior preocupación por mostrar a Rueda ou Feijóo que por informar con rigor.
O persoal da TVG tamén denuncia manipulación
As críticas non veñen só do ámbito político. O Comité Intercentros da CRAG, que representa os traballadores, emitiu un comunicado esixindo o cesamento dos responsables de informativos. O comité acusa a dirección de non estar «á altura» nunha situación de emerxencia, limitándose a emitir información «en bucle» e con poucos especiais.
Os representantes do persoal afirman que sentiron «vergoña, impotencia e carraxe» pola irresponsabilidade dos seus superiores e lamentan que a situación actual da Corporación sexa un «desastre». Un de tantos exemplos son o do xefe de deportes Xoán Galán, cando silenciou os berros de miles de afeccionados dende as bancadas do estadio de Riazor ¡Altri NON!
Esixencia de responsabilidade e transparencia
O Grupo Socialista reclama á dirección da TVG que rectifique e ofreza información real sobre a evolución dos lumes, os medios dispoñibles e as medidas das administracións.
«A información pública é un dereito democrático básico. Usar a TVG como un escaparate do PP é poñela ao servizo dun partido e non da cidadanía», afirmou Longueira.