A agrupación local do PSdeG-PSOE en Chantada fixo público este martes un comunicado no que insta ao Concello a reconsiderar a celebración do espectáculo pirotécnico previsto nas festas patronais. O chamamento prodúcese no contexto da vaga de incendios forestais que arrasa Galicia nas últimas semanas, con máis de G0.000 hectáreas calcinadas.
Na carta aberta difundida en redes sociais, os socialistas lembran que o propio municipio sufriu recentemente o lume en Sampaio de Muradelle, que puido ser controlado grazas á intervención de gandeiros da zona coas súas cisternas, así como polo traballo conxunto de brigadas, bombeiros, tractoristas, corpos de seguridade e veciños.
O PSdeG de Chantada salienta a importancia da labor diaria de agricultores e gandeiros na prevención de incendios, ao tempo que advirte das consecuencias do despoboamento e o abandono do rural. “Débese poñer en valor o seu papel, porque sen eles o risco multiplícase”, apuntan no comunicado.
En relación á pirotecnia, a agrupación lembra que un espectáculo de fogos artificiais celebrado en Baiona o pasado venres provocou un incendio, polo que considera “imprescindible” que o goberno local reflexione sobre a conveniencia de manter o evento simbólico do luns das festas.
“O Concello debe actuar con responsabilidade e valorar opcións alternativas que non incrementen o perigo nestes días críticos”, subliña Mariano López, voceiro do PSOE chantadino, que critica tamén a falta de medidas por parte da Xunta de Galicia para regular o uso da pirotecnia nunha situación de alto risco de lumes.