Unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Bandini de Bertamiráns.
Non se trata de establecer coartadas sobre as motivacións variables da escrita, senón de arrodear o espazo en que o poema se impón ao establecido e logra que a linguaxe sucumba, saia fóra de si mesma e mereza a pena como experiencia, en forma de irradiación ou asombro.
Non se trata tampouco de entender a poesía, senón de aceptar que o poema, en canto forma de apalpamento, nos guíe a través do escuro e nos diga: velaquí o fulgor, o lugar onde acontece a incandescencia da miniatura sobre un fondo en branco.
Non se trata de saber escribir, senón de deixar de pensar que sabemos para que algo inesperado aconteza.
Terá lugar na Libraría Bandini, en Bertamiráns (Ames) (Avenida da Peregrina, 3).
Hai 15 prazas para persoas maiores de 16 anos. A inscrición, gratuíta, pode realizarse, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, no correo electrónico oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada.
Calendario e horarios
– Sábados 20 e 27 de setembro; 4, 18, e 25 de outubro; 8, 15, 22 e 29 de novembro; e 13 de decembro de 2025, de 11:00 a 13:00 h.