RallyShow Deputación da Coruña: o gran espectáculo do motor en Galicia chega ás Pontes o 30 de agosto

16 pilotos de elite mediranse en eliminatorias directas nunha xornada que contará con exhibicións, drifts, música, agasallos e sorpresas para o público asistente.

O mundo do motor galego ten unha nova cita marcada en vermello no calendario: o RallyShow Deputación da Coruña, que se celebrará o sábado 30 de agosto no Circuíto das Pontes

Un evento pensado para vivir a emoción dos rallys a pé de pista, que busca achegar a paixón polos coches, a competición e a velocidade ás persoas afeccionadas, cun formato innovador, trepidante, visual e destinado a todos os públicos.

Impulsado pola Deputación da Coruña, este espectáculo automobilístico chega para quedar. Cun deseño inspirado nos grandes eventos europeos, o RallyShow desenvolverase ao longo dunha única xornada pero promete deixar pegada: 16 pilotosmediranse en eliminatorias directas, en carreiras corpo a corpo, cheas de tensión e espectáculo, ata coroar ao gran vencedor nunha final ao mellor de tres.

A cita contará cun cartel de luxo, con pilotos destacados do panorama galego e estatal, como:

• Diego Fontán (Alpine A110 GT)

• Antón Pérez (Skoda Fabia WRC)

• Javier R. Grille (Ford Sierra RS Cosworth)

• Dani Berdomás (Hyundai i20 N Rally2)

• Raúl Hernández (Skoda Fabia RS Rally2)

• Diego Varela (Hyundai i20 Rally2)

• Jorge Pérez (Porsche 991 GT3)

• Manuel Senra (Peugeot 306 Maxi)

• Víctor Senr(Hyunday i20 WRC) 

O espectáculo estará garantido dende o primeiro minuto, coa apertura a cargo de Sito González, que encherá a pista de derrapes a bordo dos seus BMW Drift. Ademais, Juanma Fligueiras e Pablo Álvarez achegarán unha proposta diferente e divertida cos seus Mini Cooper “Italian Job”, que animarán os descansos entre mangas.

Durante a xornada, o público poderá gozar tamén de exhibicións de carcross, música, animación e moitas sorpresas e agasallos. O evento será totalmente gratuito e incluirá o sorteo de camisetas oficiais, viaxes no globo cautivo da Deputación da Coruña e codrives —auténticas voltas de copiloto— xunto a pilotos como Dani Berdomás ou Raúl Hernández, para sentir a emoción dun rally dende dentro.

A acción comezará con mangas de adestramentos libres e oficiais, das que sairán os emparellamentos para os oitavos de final. A partir de aí, cada carreira será unha batalla a dúo, a tres voltas, cunha única meta: avanzar cara á final.

“Queremos que o RallyShow sexa a gran festa do motor en Galicia. Unha competición deportiva pensada para afeccionados de todas as idades, que leva o espectáculo dos rallies a un circuíto accesible, seguro e con todas as garantías como o das Pontes. Un evento que combina deporte e emoción e que consolida o compromiso da Deputación coa promoción do automobilismo galego”, destacou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Pola súa banda, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, subliñou “a aposta da Deputación por diversificar e descentralizar a oferta deportiva, achegando a diferentes puntos da provincia eventos de primeiro nivel coma este, capaces de atraer público, dinamizar a economía local e poñer en valor o noso talento deportivo. O RallyShow é un claro exemplo de como o deporte pode xerar impacto positivo máis aló do ámbito competitivo”, afirmou.

O RallyShow será tamén unha oportunidade para poñer en valor os atractivos turísticos, culturais e comerciais do Concello das Pontes, xerando un impacto económico e social directo na vila e reforzando o compromiso da Deputación coa dinamización do territorio a través do deporte.

O RallyShow Deputación da Coruña chega con forza para consolidarse como a cita de referencia no calendario do motor galego. Un espectáculo pensado para vibrar, para sentir e para vivir de preto a paixón polo automobilismo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios