O PP presentará alegacións ás bases de subvencións para entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de que o Concello habilite anticipos de pago

O Grupo Municipal Popular anunciou que vai presentar  alegacións ás bases aprobadas pola Xunta de Goberno do Concello de Lugo o pasado 13 de agosto, relativas ás subvencións para asociacións e entidades sen ánimo de lucro destinadas á dinamización económica e relacións institucionais para o ano 2025.

Tal e como están redactadas, as bases municipais recollen no artigo 13 que “non se realizarán pagos a conta nin anticipados”. Isto obriga ás entidades a adiantar con fondos propios todos os gastos dos proxectos ata que se resolva e se faga efectivo o pago da subvención.

Os populares advirten que esta situación pode resultar inasumible para moitas asociacións, e lembrou que xa nos anteriores debates de orzamentos o PP informara desta situación e solicitara que se incorporaran anticipos, sen éxito.

Os populares poñen como exemplo de que si se pode facer. A propia Deputación de Lugo, nas súas Bases Xerais de Subvencións, contempla esta posibilidade: no artigo 21 establécese que, en axudas de máis de 3.000 euros, as entidades poden solicitar anticipos.

“O problema non é legal nin técnico, senón de vontade política. Non se pode pedir ás asociacións que fagan un esforzo imposible cando existen ferramentas para facilitarlles o traballo”, subliñan os populares.

Por este motivo, o PP reclama que o Concello rectifique e introduza a posibilidade de anticipos nestas subvencións, garantindo un apoio real e eficaz ás entidades que enriquecen a vida social, cultural e económica de Lugo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios