CCOO de Lugo: «A Concelleira de Igualdade tras a anulación xudicial dos pregos de «Aprende Xogando» debe dimitir»

O TSXG dá a razón a CCOO, declara que os pregos do Concello presentan omisións graves que poden vulnerar dereitos laborais e condena ao Concello de Lugo a pagar as costas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de emitir unha sentenza demoledora: estima integramente a demanda de CCOO, anula a resolución do TACGAL e obrígalle a entrar no fondo da impugnación dos pregos de “Aprende Xogando”, elaborados pola Concellería de Igualdade.

A Sala afirma que os pregos presentan carencias tan graves que “fundadamente” poden vulnerar dereitos laborais básicos, ao non fixar nin a ratio monitor/menores, nin criterios para a atención a NEE, nin garantías de prevención de riscos, nin grupos de idade. Todo isto, nun servizo dirixido á infancia.

CCOO: “A sentenza é unha desautorización total da Concellería”

Para o sindicato, esta resolución é “unha evidencia dunha xestión irresponsable e temeraria” da Concellería de Igualdade:

“O TSXG confirma o que levamos meses denunciando: os pregos eran un perigo para a calidade do servizo e para os dereitos laborais. A Concellería tentou tapalo impedindo o recurso, e agora a Xustiza pona no seu sitio.”

O TSXG impón as costas ao Concello: “diñeiro público malgastado por defender o indefendible”

A sentenza impón as costas procesuais ao Concello, o que para CCOO supón “un tirón de orellas contundente”:

“Non só fixeron uns pregos deficientes, senón que gastaron diñeiro público en defender unha actuación irregular. Agora pagarán as consecuencias.” Esiximos responsabilidades políticas inmediatas

CCOO reclama:

Modificación urxente dos pregos.

Garantías laborais reais para o persoal.

Responsabilidades políticas na Concellería de Igualdade.

“Lugo non merece unha concellería que recorta dereitos laborais e tapa erros. Merece unha que cumpra coa lei e respecte ás persoas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
1 comentario