O sindicato tamén lle reprocha á Xunta de Galicia que o servizo de extinción estea «minguado»
CCOO denuncia que Galicia sofre un «desastre ecolóxico» sen precedentes, con máis de 90 000 hectáreas arrasadas, debido ao incumprimento da Lei de incendios e da Lei de montes, á falta de prevención e a un operativo de extinción «minguado», que non funcionou á plena capacidade cando comezou o período de alto risco incendiario. O sindicato advirte de que a política forestal da Xunta está a fracasar e esixe medidas urxentes e efectivas para poñer freo á vaga de incendios.
A organización lembra que a normativa obriga a ordenar, limpar e xestionar o monte, a garantir franxas de seguridade ao redor das vivendas e a limitar especies pirófitas en zonas de risco. «Nada disto se está a cumprir con rigor», critica CCOO, o que deriva en lumes de gran virulencia que se propagan rapidamente e obrigar a priorizar a protección de persoas e vivendas sobre a contención no monte.
CCOO tamén denuncia que o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) non estivo ao 100 % da súa capacidade ao inicio do período de alto risco. Acusa a Consellaría de Medio Rural de limitarse «ano tras ano a esperar a que chova» en lugar de aplicar medidas reais de prevención. A propia Dirección Xeral de Defensa do Monte recoñeceu recentemente a falta de recursos preventivos.
Para CCOO, a situación é consecuencia directa do abandono e da falta de planificación: prevención escasa, perímetros de protección sen limpar e un SPIF incompleto pola falta de cobertura de prazas.
Esixencias de CCOO
O sindicato esixe que se cumpra e se faga cumprir a normativa forestal con medidas reais. Coida «imprescindible» unha aposta firme pola prevención, baseada en criterios técnicos, cunha xestión activa do territorio, coa recuperación de usos tradicionais do monte e co apoio ás comunidades rurais para lograr un medio rural «ordenado e desenvolvido».
CCOO demanda tamén unha cobertura áxil de todas as prazas do SPIF, incluíndo tanto as vacantes como as baixas temporais ou as vacacións, de maneira que o dispositivo poida funcionar «con plena capacidade». Do mesmo xeito, insiste na necesidade dun servizo profesionalizado, con medios humanos e materiais suficientes, ben dimensionado e con persoal permanente durante todo o ano, xa que a nova realidade dos chamados lumes de sexta xeración obriga a actuar con planificación e prevención tamén no inverno.
Finalmente, CCOO propón que, unha vez superada a actual emerxencia, se abra un proceso de reflexión e debate entre cidadanía, institucións, administración, sindicatos e expertos, co obxectivo de deseñar solucións conxuntas e «alcanzar un auténtico pacto social contra a lacra dos incendios forestais».