A Xunta (das maiorías absolutas) ten a competencia EXCLUSIVA en materia de montes dende o ano 1981 emanado do Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27. Pra exercer esa competencia créase a lei 3/2007 a cal, establece no seu artigo 5 que as competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellería competente en materia forestal, ademais, no artigo 6, sinala que lle corresponde á Xunta de Galicia elaborar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) e á consellería competente en materia forestal exercer estas competencias.
Lamentablemente, unha boa parte dos responsables políticos que estes días padecen de «diarrea verbal» e tratan de xustificar ou de defender a incompetencia e o desleixo «dos seus» mediante o engano e as mentiras nin coñecen nin diferencian un incendiario dun pirómano, polo que practican un xeito de «piromanía social» de incalculables consecuencias.
Tampouco parece que sexan coñecedores da estrutura do estado e dos mecanismos para activar os medios que se precisan para cando se produce unha emerxencia ou será que premeditadamente practicaron o desleixo e deixaron arder intencionadamente?
Fai xa dúas semanas que dixemos:
- Declaración do Nivel 3 para coordinar co Estado a achega axeitada de medios e recursos.
- Activación do mecanismo europeo de Protección Civil.
Como sempre a Xunta de Galicia non reaccionou ao seu debido tempo, nin escoitou, nin fixo caso…
A maioría dos lumes son culpa de quen os prende intencionadamente, por culpa de neglixencias ou de accidentes; o certo é que en Galicia detrás do 99’9 % dos incendios está a man de seres humanos, polo tanto son lumes previsibles e evitables. - O 50% dos incendios de España son en Galicia
Os nosos ecosistemas, a nosa biodiversidade e o noso patrimonio natural lévase calcinando ao longo do último medio século (contando con só o 7,7 % da superficie do Estado en Galicia concéntranse o 50% dos incendios e calcinase un 30% da superficie estatal)…
Urxe un pacto de Estado para por freo a unha situación que de non facelo XA!!! os incendios seguirán calcinando e estragando o patrimonio natural e o futuro do país, do Estado e do conxunto da Terra.
Estamos fartos e cansos das incompetencias dos reponsables da política forestal, dos responsables da prevención e extinción de incendios. Fartos dos incendiarios e dos políticos que practican a «piromanía social» FARTOS!!!
Xosé Santos Otero, traballador forestal. Un dos vogais no Consello Forestal de Galicia en representación dos grupos ambientalistas.