O PSdeG de Arteixo esixe un plan para poñer en valor as fontes e lavadoiros municipais

Os socialistas denuncian o deterioro destas infraestruturas tradicionais e piden un inventario actualizado e actuacións urxentes en varios puntos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno un rogo para que o goberno local poña en marcha un Plan de Recuperación e un Plan Anual de Mantemento das fontes e lavadoiros públicos, elementos patrimoniais e sociais de gran valor para a veciñanza.

Segundo lembra o voceiro socialista, Martín Seco, en 2011 “o propio PP anunciou unha iniciativa para rehabilitar as máis de cen fontes e lavadoiros repartidos polas trece parroquias do concello”, con fichas de inventariado e criterios comúns de conservación. “Catorce anos despois, esa planificación quedou nunha declaración de intencións, e moitas destas infraestruturas atópanse nun estado de abandono inaceptable”, afirma.

O grupo socialista recolleu recentemente queixas veciñais polo deterioro e falta de mantemento de varios puntos concretos: o lavadoiro e fonte de Oseiro no camiño a Rañobre, o lavadoiro de Lañas de Abaixo, o de Baer e o de Armentón en Rorís.

“O patrimonio local tamén son estes espazos que foron lugares de encontro, e é responsabilidade do concello conservalos e poñelos en valor”, concluíu Seco, reclamando que se actúe con urxencia tanto na recuperación dos elementos máis danados como no establecemento dun sistema de mantemento anual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios