A Deputación da Coruña garante con 121.000 € o funcionamento da rede municipal de acollida para vítimas de violencia de xénero da Coruña

Valentín González Formoso e a concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, asinaron a prórroga do convenio que permite atender durante 2026 a mulleres e menores na Casa de Acollida e nos dous pisos de transición da cidade.

A Rede Municipal de Acollemento da Coruña para mulleres en situación de violencia de xénero e as súas fillas e fillos menores contará este ano cunha achega provincial de 120.926,27 euros.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, formalizaron hoxe a prórroga do convenio de colaboración que permite soster o funcionamento da Casa de Acollida para Mulleres e dos dous Pisos de Inclusión e Transición á Vida Autónoma (PITVA), uns equipamentos de titularidade municipal que prestan servizo de carácter supracomarcal ao conxunto dos concellos da provincia dentro da Rede Galega de Acollemento.

A través destes centros ofrécese unha resposta residencial temporal e atención integral orientada á recuperación persoal e á inserción sociolaboral das vítimas da violencia machista. Na Casa de Acollida, operativa desde 1991 e dotada con 15 prazas e catro berces, préstase asistencia de urxencia e cobertura das necesidades básicas durante as 24 horas do día para estadías iniciais de ata tres meses. Como segundo nivel de intervención, os dous pisos de transición á vida autónoma, en marcha desde 2013 con 11 prazas e dous berces entre ambos, facilitan un aloxamento normalizado de ata un ano de duración para favorecer a independencia efectiva das unidades familiares.

O acordo asinado entre ambas institucións dá continuidade ao apoio que a Deputación vén prestando ao Concello da Coruña para o financiamento destes estes recursos municipais de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero. 

A achega da Deputación, enmarcada no seu Programa de apoio á rede de acollemento (PRAM), sufraga o 22,34% do orzamento total destinado ao mantemento destes servizos, que ascende a 541.254,15 euros ao ano. Os fondos permiten cubrir tanto os gastos correntes e de subministración dos inmobles como o cadro de persoal multidisciplinar que deseña os plans individualizados de intervención, formado por dirección, traballadora social, educadoras sociais, psicóloga, asesora xurídica e persoal auxiliar.

Comparte éste artículo
No hay comentarios