Besteiro acusa á Xunta de “abandono do rural” tras os lumes en San Vicente de Leira

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, unha parroquia convertida nun «símbolo doloroso» da vaga de lumes. Tras comprobar os danos, que calcinaron máis de 120 vivendas e alpendres, Besteiro acusou á Xunta de ser a responsable directa da devastación en Vilamartín, froito do «abandono prolongado» do rural galego despois de 17 anos de goberno do Partido Popular.

Besteiro criticou a falta de prevención e servizos públicos na Galicia interior, que, segundo el, queda «indefensa fronte ao lume». O líder socialista defende un cambio de modelo, subliñando que «non vale con mandar medios en agosto», e que o rural precisa «escolas, atención médica, oportunidades para a xente nova e, sobre todo, prevención real».

Os alcaldes socialistas reuniranse en Ourense para esixir «políticas reais»

Para dar unha resposta política á crise, Besteiro anunciou que o PSdeG organizará unha reunión de alcaldes e alcaldesas socialistas en Ourense. O obxectivo é poñer en común propostas e experiencias para crear un plan que evite futuras catástrofes e esixir á Xunta que invista de forma efectiva no rural.

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, acompañou a Besteiro e describiu a situación como «verdadeiramente complicada». Álvarez lamentou que a Xunta e a Deputación de Ourense non actuasen para mellorar a única vía de escape da parroquia, un problema que os veciños levaban trinta anos denunciando. Segundo o alcalde, foron os propios veciños, «cos seus tractores e cos mozos voluntarios», quen salvaron o que se puido salvar, mentres que a administración «non estivo á altura».

Álvarez rematou cunha dura advertencia: «Se as administracións seguen sen escoitar á xente que vive aquí cada día, pobos enteiros poden desaparecer«. Destacou que a Xunta non pode facer leis dende un despacho sen coñecer a realidade do territorio, e que se non se escoita aos veciños, «isto volverá a pasar».

Comparte éste artículo
No hay comentarios