Na lembranza a Xesús Alonso Montero, pasando por Manuel Lueiro, Luís Seoane e Castelao

(Intervención que ía ler na homenaxe que Galicia lle tributou no Instituto Lucus Augusti de Lugo o 19 de Abril de 2024, a Xesús Alonso Montero, pero que ao final non tiven ocasión de lelo)

Quixera comezar a miña intervención agradecéndolle a todas as persoas da organización que, xuntos, foron quen de recoñecer a través desta homenaxe a figura dunha persoa esencial, de primeira orde, na vida cultural e intelectual desta Terra Nosa, como é o profesor Xesús Alonso Montero.
Agradecemento fondo por teren escollido para celebrar este acontecemento «o seu Instituto» o Lucus Augusti, o lugar onde exerceu durante 16 anos a docencia, do ano 1960 ao 1976. Agradecemento tamén pola escolla do Hotel Méndez Núñez, que acolleu no ano 1918 a I Asamblea Nacionalista, á que asistiu Castelao; o mesmo lugar no que hai agora 92 anos (1932) falaron Antón Vilar Ponte e Ramón Martínez López, para renderlle homenaxe de recoñecemento a Castelao.
Centrareime na figura e na miña relación de fondo agarimo pola persoa á que hoxe celebramos. Comecei a saber do profesor don Xesús Alonso Montero, sendo eu un rapaz inquedo de apenas 19 anos (1980), cando un bó amigo del, e tamén meu, tendeu pontes entre nós, refírome ao escritor e político Manuel Lueiro Rey, veciño meu na vila do Grove, onde aquel ano exercía como concelleiro de cultura nas listas do Partido Comunista, onde o PC gobernaba dende as eleccións de 1979, caso único na Galicia da época, as primeiras eleccións da transición democrática, se tal cousa era aquel transito….Lueiro organizou naquel ano unha semana cultural en lembranza do principal referente político e cultural que tivemos en América logo do pasamento de Castelao, refírome ao galeguista sen fendas Luís Seoane, que falecera uns meses antes. As actividades tiveron ampla resonancia, porque ata este feito non se fixera nada semellante naquel tempo en Galicia, no que nin sequera tiñamos a Autonomía galega. Interviron naquelas xornadas, figuras principais das letras e da intelixencia, como Rafael Alberti, Arturo Cuadrado, Novoneyra, Cuña Novas, Bodaño, Manuel Lueiro e Alonso Montero, entre outras persoas que sería longo de máis traer aquí, disculpando a súa asistencia Isaac Díaz Pardo por estar de viaxe de traballo.
Ao remate dun dos actos nos que falou Xesús, escoitei decir algo que non era novo para mín: é unha persoa cunha mente lúcida, privilexiada, «máis e comunista». A mesma frase que escoitara, sendo neno, sobre Manuel Lueiro, a quen se lle engadía….»é comunista! e por riba traballa en Facenda». Como se ser comunista fise incompatible con traballar na función pública, traballar no que fose para gañar o pan, ou ter unha mente lúcida. Aquilo chocábame moito, e dóuseme por fixarme en Xesús…. seguramente para tentar descubrir o mal que tiñan aqueles homes «comunistas».
Tiveron que pasar algúns anos para volver atopámonos. Foi no aeroporto de Santiago o 28 de xuño de 1984. Alí estábamos o meu prezado e lembrado amigo e irmán do PG do Grove, Miguel Besada, e máis eu, e por fronte un intelectual da talla de Alonso Montero. Eu era aínda moi novo, 24 anos, e acababa de ingresar no vello e histórico Partido Galeguista da man de Martínez López, Pousa Antelo e Manuel Beiras, e alí estaba -man con man- con Xesús diante dos Gardas Civís que tiñan orden de impedir o acceso ao aeroporto para recibirnos o corpo embalsamado de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Non precisades que vos conte cal foi a actitude de protesta cívica de Xesús diante daquela manipulación, o que si quero é que saibades que so seu carón, sendo eu tan novo, sentinme moi perto del, ambos loitando por un mesmo fin.
Iñaki Anasagasti, Pablo Rodríguez «Vivín», Xesús Alonso Montero, no acto de recoñecemento do Parlamento de Galicia a Castelao como primeiro presidente do Consello de Galicia.

Daquela eu levaba algún tempo estudando, interesándome, pola historia de Galicia e da sorte das súas/nosas xentes de alén e aquén mar, das que padeceran a sen razón do golpe militar do 36, algunha delas moi próximas, da miña casa, ou da familia de Jacobo Otero Goday, o médico dos pobres e líder da Fronte Popular no Grove e do seu sobriño Xacobe Barral Otero, o derradeiro alcalde republicano e dirixente do Partido Galeguista, co que uniu unha fonda amistade ata o seu pasamento en 1990. En todas as conversas que tivemos sempre aparecía algunha mención aos militantes comunistas e o seu compromiso polo voto favorable ao Estatuto de Autonomía en xuño de 1936. Foi dese xeito como revisei a misión cultural e patriótica que o goberno da República lle encomendou a Castelao, en 1938, a de levar a voz republicana a Rusia, Nova York ou Cuba…e fixeime na figura dun home novo, sempre a carón de Castelao, o comunista e nacionalista Luís Soto, mestre exiliado.
Co pasar dos anos fun coñecendo e tratando a outros destacados comunistas, como Santiago Álvarez, co que fixen amistade dende que veu ao Grove a presentar o seu libro «Castelao y nosotros los comunistas». E volvín bater coa figura de Alonso, no camposanto de San Mauro, en agosto de 1986, cando o PG organizou a homenaxe do 50 cabodano do fusilamento no monte da Caeira, en Pontevedra, ao secretario xeral e de organización do Partido Galeguista, Alexandro Bóveda.
Francisco López «Chesqui», Coordinador Xeral do Partido Galeguista, xunto a Xesús Alonso Montero.

A morte de Lueiro en 1990, xuntounos máis a Xesús e a min, por un chamado da súa viúva Maruxa Lores, e na compaña do profesor Ramón Nicolá organizámonos no que demos en chamar «a causa Lueiro» na que xunto a moita outra xente, da que é xusto destacar a Carmen Carreiro, viúva do que fora alcalde de Soutomaior o galeguista por sempre lembrado Fernando Pereira, decidimos facer chegar á veciñanza a obra do escritor e político Manuel Lueiro, labor no que foi motor de explosión o maxisterio de Xesús. Desa iniciativa xurdiron moitas realidades actuais como o premio de Novela curta que leva o seu nome no Grove, do que Alonso era presidente do xurado, ou os de Poesía e Xornalismo, tamén co nome de Lueiro, convocado polo concello de Fornelos, reducións da súa o ra, xornadas, presentacións…e alí estivo sempre a figura beatífica de Alonso Montero, leal ao amigo que marchara.
Xa me espallei demais e non quero facer unha glosa dos méritos destes dous «comunistas» aos que me referín, Lueiro e Alonso, só pretendo deixar testemuña do moito que aprendín escoitándoos, vendo a súa exemplar traxectoria…máis quero rematar contàndovos unha historia nada coñecida e que nos afecta.
En 1997, Xesús Alonso Montero, propúxolle a irmán de Castelao, Teresa Castelao, trasladar os restos mortais dos Irmáns Insua, inmolados en abril do 37 no Bou Eva, dende o camposanto de Baión, en Vilanova de Arousa, ao de Rianxo. Xesús sabía da fonda querenza que nos tíñamos a irmá de Castelao e máis eu, quen me trataba como se fose un fillo dela, porque seica vía en mi as ideas do seu irmán Daniel. Nesta xestión, Xesús pediume a miña mediación para que intercedera diante de Teresa, sabedor desa querenza. O traslado dos restos dos Irmáns Insua fíxose en xuño de 1998.
Remato xa, aínda que podería seguir contándovos cousas e máis cousas desta personalidade coa que teño rido, discutido, pelexado, cantado, emocionarnos…. mais o principal é que temos loitado xuntos, este comunista e este galeguista, por unha Galicia mellor, máis xusta, dona de seu, diferenciada de calquera outro pobo do mundo, máis na mesma vontade de fraternidade mundial e no universalismo solidario cos pobos oprimidos e as xentes desfavorecidas.
Se tivese que escoller un deses momentos, sería o do 17 de agosto de 2023, unha vez máis no camposanto de Santo Amaro, en Pontevedra, no 87 cabodano do fusilamento de Bóveda, nun acto organizado polo Partido Galeguista e a Fundación Alexandro Bóveda, no que interveu o presidente do Parlamento de Galicia, e eu como Coordinador Nacional do Partido Galeguista, ademais doutras persoas relevantes do país, e que se pechou con unha portentosa intervención de Xesús, figura por quen «unanimemente» decidimos saltarnos o protocolo, sabedores todos os participantes que o seu maxisterio ben merecía ese xesto, co que estivo de acordo o presidente do Parlamento a que lle correspondía pechar o acto.
Xesús, non só non nos decepcionou, ao contrario, emocionou os a todas e todos os presentes, sen que importase a adscrición ideolóxica ou o sentimento político de cada quen.
Benquerido profesor, mestre, amigo, home bo e xeneroso, podes irte co pleno convencemento de que a túa obra non se esquecera e aqueles que coma min tivemos a inmensa sorte de cantarmos xuntos na túa querida Ventosela ou no Grove, lembrarémoste sempre e estarás onda nós nun recuncho dos nosos corazóns.
!que non veña nunca máis o home do unto!
Viva Galicia!
Saúde e Terra!

Fotografía de portada: Acto de homenaxe a Alexandro Bóveda no cimenterio de San Amaro en Pontevedra (ano +/- 1988) á dereita Avelino Pousa Antelo, Francisco López «Chesqui», Xesús Alonso Montero e Amalia Álvarez Bóveda (filla de A.Bóveda)

Comparte éste artículo
No hay comentarios