O Partido Galego (PG) acusa á Xunta de abandono do rural e de causar a “maior vaga de incendios” da historia

O Partido Galego (PG) lanzou duras críticas contra a Xunta, acusándoa de ser a principal responsable da vaga de incendios que arrasou Galicia, especialmente a provincia de Ourense. Nun comunicado, a formación política denuncia a «neglixencia e demora» na resposta do goberno autonómico, afirmando que a Xunta «deixou que os lumes se fixesen incontrolables», mentres a cidadanía tivo que actuar con medios propios.

O PG subliña que o Partido Popular, coa súa xestión case continuada dende a implantación das eleccións autonómicas, non ten escusa. As competencias exclusivas en materia de xestión forestal, prevención e extinción de incendios recaen directamente sobre o goberno autonómico.


As consecuencias do abandono do rural

O Partido Galego considera que a raíz do problema reside no «desprezo» histórico do PP pola Galicia rural. A formación política sinala que o goberno galego leva máis de trinta anos poñendo trabas ao sector primario, dificultando a actividade agrogandeira e desincentivando a permanencia da xente moza nas aldeas.

Esta política, segundo o PG, provocou un masivo abandono de terras de labradío, que foron reforestadas ou quedaron a monte. O partido achega un dato contundente: hai 40 anos, o 15% da superficie de Galicia estaba reforestada; hoxe, o 85% está a monte. A proba disto, argumentan, é que os incendios máis destrutivos tiveron lugar en concellos con aldeas deprimidas, mentres que nas zonas onde o rural se mantén activo, os lumes son atallados pola propia veciñanza.


Propostas políticas para combater os incendios

O Partido Galego defende que, a pesar de que o 96% dos incendios son provocados, a prevención debe ir máis alá da simple limpeza dos montes. A formación propón un conxunto de medidas estruturais para revitalizar o rural e crear un escudo eficaz contra o lume:

  • Máis control e prevención: Endurecer as penas para os incendiarios, combater o «negocio do lume» (especulación de terras, contratos antiincendios), e impulsar un plan de sensibilización social.
  • Xestión do territorio: Finalizar as concentracións parcelarias, implantar devasas con árbores autóctonas e crear «autoestradas verdes» con árbores autóctonas ao longo das liñas de alta tensión.
  • Fomento da economía rural: Apoiar as comunidades de montes e financiar a maquinaria dos propietarios de grandes granxas para que axuden na extinción.
  • Plan de «Excepcionalidade Galega»: Un proxecto adaptado á dispersión da poboación e á singularidade do territorio, que recolla as particularidades de Galicia para un plan de extinción efectivo.

Finalmente, o Partido Galego ofrece o seu «total apoio» a todos os operarios e particulares que denunciaron falta de medios, ás familias con casas arrasadas, aos gandeiros e á xente do rural, e aos xornalistas que pediron o cesamento dos responsables informativos da TVG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios