Lara Meneses destaca a “continua mellora e o incremento de oportunidades a través dunha ferramenta moi útil para contribuír á calidade de vida dos mozos e mozas”.
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asinou hoxe a adhesión de Ikea como establecemento colaborador do Carné Xove, sumando así unha nova entidade ás vantaxes que ofrece esta iniciativa da Xunta para a mocidade galega.
Deste xeito, o comercio de mobiliario comprométese coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a poñer en marcha unha promoción destinada ás persoas usuarias do carné, de entre 18 e 30 anos, para conseguir descontos nas súas compras. Así, todos aqueles que merquen por un importe igual ou superior aos 250€ recibirán unha tarxeta agasallo cunha cantidade equivalente ao 15% do seu gasto para aplicar en seguintes compras.
Con esta incorporación, indicou Lara Meneses, que asinou o compromiso de adhesión con Benjawon Omark, Market Manager de Ikea, “continuamos a mellorar e incrementar as oportunidades que se poñen a dispor da nosa xuventude a través do Carné Xove”, engadindo que “é unha ferramenta moi útil para contribuír na súa calidade de vida en moi diversos eidos, tanto a nivel cultural ou deportivo, como no relativo ao transporte ou no que ten que ver con outras cuestións como, neste caso, o equipamento dunha vivenda”.
Os mozos e mozas beneficiaranse destas vantaxes en tendas físicas, tanto na central da Coruña como nos locais cos que conta Ikea en Santiago, Vigo e Ourense.