A reforma urbanística dos Cantóns desprestixia á Coruña como cidade cultural

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural alerta da grave ameaza ao funcionamento do Teatro Colón: “Ninguén se plantearía obstaculizar a descarga diaria de peixe da Praza de Lugo. A cultura tamén precisa loxística, e sen espazo para descargar, non hai espectáculo que chegue ao escenario

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), que representa a máis de 160 profesionais do sector en Galicia, lanza un novo e urxente chamamento público diante do silencio institucional do Concello da Coruña e dos arquitectos responsables da reforma dos Cantóns, José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud.

A proposta de trasladar a parada dos autobuses metropolitanos á rúa Manuel Casas —lateral do Teatro Colón— provocará un colapso funcional e un risco evidente para a seguridade de persoas usuarias, traballadoras e compañías culturais, ao converter o único acceso técnico do teatro nun espazo compartido con centos de persoas e vehículos pesados cada día.

O Teatro Colón, espazo emblemático da Rede Española de Teatros e Auditorios, con décadas de historia e relevancia estatal, podería verse rebaixado á categoría de espazo inoperativo. Esta reforma compromete o seu futuro e danará irreversiblemente o prestixio da cidade como destino cultural.

Ignorancia ou desprezo institucional?

Desde marzo deste ano, a AGPXC presentou alegacións formais, avaladas polo Grupo Municipal do BNG e por responsables da área de Cultura da Deputación da Coruña, entidade titular do Teatro Colón. A resposta foi o máis absoluto silencio por parte da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade e do equipo redactor da reforma.

Nun acto público celebrado o 3 de abril, un membro da directiva de AGPXC trasladou persoalmente aos arquitectos a gravidade da situación e entregou o seu contacto directo para estudar alternativas. Prometeron unha xuntanza que nunca se convocou, malia as chamadas posteriores ao seu despacho profesional.

Mentres tanto, as obras avanzan sen modificar un só metro do proxecto inicial.

Consecuencias inmediatas e irreversibles

  • Redución a mínimos da operatividade do teatro: a zona de carga e descarga quedará limitada a un espazo mínimo, inutilizable para espectáculos de mediana ou grande complexidade.
  • Encarecemento das producións: os custos de carga/descarga multiplicaranse por dous ou tres debido ao tempo e á dificultade operativa. Estímase unha suba media do prezo das entradas do 10 ao 15%.
  • Fuga de programación: compañías escénicas e musicais escollerán auditorios de Ferrol, Narón ou espazos privados como Palexco, que aínda que teñen alugueiros elevados, ofrecen operatividade loxística.
  • Risco laboral e de accidentes: a presenza de vehículos pesados, operacións nocturnas, cargas delicadas e multitudes na zona crea unha situación incompatible coas normativas de seguridade e prevención de riscos laborais.

DESDE A AGPXC SOLICITAMOS:

  • A paralización inmediata das obras na rúa Manuel Casas, mentres se avalían alternativas viables para a parada dos autobuses metropolitanos.
  • A convocatoria urxente dunha xuntanza entre responsables municipais, os arquitectos do proxecto e profesionais dos teatros afectados.
  • A implicación directa da Alcaldesa Inés Rey, como máxima responsable institucional, para garantir que esta reforma non converta un espazo público cultural nun punto morto da programación escénica galega.
Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios