O PP de Sarria esixe un plan integral para recuperar O Chanto e a súa praia fluvial

O Partido Popular de Sarria insiste no Concello para que aborde de forma urxente e con visión de futuro a recuperación integral da área de O Chanto, incluída a súa emblemática praia fluvial. Os populares lamentan que, un verán máis, este espazo sinale de identidade da vila se atope nun estado de «degradación alarmante».

Segundo os populares, a situación de abandono non é nova e xa foi obxecto de dúas mocións aprobadas no pleno a proposta do PP, sen que o goberno local lles dese cumprimento. «O Chanto non pode seguir sendo un espazo degradado. A prioridade debe ser recuperalo integramente, xa que forma parte da memoria colectiva de Sarria», afirma a voceira popular, Carmen José López.

A recente adquisición de novas parcelas no lugar, segundo o PP, representa unha «oportunidade» que debe formar parte dun proxecto moito máis amplo, que poña fin á deficiente iluminación, ao mobiliario estragado, ao mal estado do pavimento e á deterioración xeral.

O Partido Popular propón un plan de actuación que inclúa:

  • A restauración do edificio público, apuntalado desde 2020.
  • A mellora do paseo e a substitución das varandas deterioradas.
  • Un plan de limpeza e mantemento regular.
  • A recuperación total da praia fluvial.

Os concelleiros do PP recalcan que «coidar O Chanto non é facer unha obra puntual, senón rehabilitar un símbolo da Vila e proxectalo cara ao futuro como lugar de convivencia, lecer e memoria». Consideran que calquera iniciativa debe formar parte dun «proxecto global, sostible e encamiñado á recuperación dun espazo fundamental para a vila».

Comparte éste artículo
No hay comentarios