O Grupo Socialista denuncia que, a unha semana do inicio do curso escolar, os centros educativos galegos aínda descoñecen a dispoñibilidade de profesorado de reforzo e os desdobres de aulas necesarios. O portavoz de Educación, Julio Abalde, considera «intolerable» que o goberno do PP «escatiñe» información á comunidade educativa, que se ve obrigada a agardar ao primeiro día de clase para coñecer a situación real.
Abalde lembra que o 12% do alumnado galego necesita reforzo educativo, pero os centros non saben se recibirán o profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e de apoio que solicitaron. Critica que a Consellería de Educación sexa «cicateira» co ensino público e evite un ano máis o reforzo de persoal.
Ademais, o portavoz socialista censura a «campaña de propaganda» do conselleiro para «agochar o fracaso da xestión e o incumprimento dos obxectivos no ensino público». Sinala que a Xunta presenta «moito anuncio e moito programa que non supón unha mellora efectiva da calidade educativa nin dos recursos humanos dos centros».