O PSOE de Cerdido acusa ao alcalde de autoritario tras expulsar a un concelleiro do pleno

O pleno ordinario de agosto, celebrado o pasado xoves, rematou coa expulsión do portavoz do PSdeG-PSOE por parte do alcalde. A formación socialista denuncia unha «actitude autoritaria» que, segundo eles, non é nova. «É algo que levamos vivindo dende o inicio da lexislatura. O goberno local do PP non admite ningunha crítica e goberna á defensiva», aseguran.

O PSdeG-PSOE rexeita as acusacións do PP de Cerdido, publicadas nas redes sociais, tachándoas de «rotundamente falsas». O portavoz, Brais Prieto, explica que as chamadas á orde xurdiron cando falaban da xestión municipal. «En ningún momento se fixo referencia ao que din os populares. Córtannos a palabra cando falamos do que o goberno non quere escoitar», afirma.

Os socialistas lembran que o PP votou en contra de gravar os plenos ao comezo da lexislatura. «Iso axudaría á veciñanza a coñecer de primeira man a actitude do PP local e o que sucede nos propios plenos. Deberían explicar agora por que se opuxeron a iso», conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios