Dende hai máis de medio ano cada mércores en Lugo existe un espazo aberto onde coñecer xente, facer novas amizades e conversar sobre arte, historia e moitos outros interesantes temas.
As Charlas con Manuel, que inicialmente foron un pódcast de conversas entre o xornalista arxentino Manuel Álvarez Prieto e o seu fillo guía Guido Álvarez Parga, pouco a pouco foron converténdose nun encontro presencial que xa superou os seis meses de vida e que cada semana reúne a grupos de xente de todas as idades con ganas de conversar sobre os interesantes temas que cada día propón Manuel.
Hoxe martes Manuel e Guido compartiron un pequeno vídeo de Manuel animando a todo o mundo a unirse a esta fermosa iniciativa de frecuencia semanal (todos os mércores de 16h a 19h no bar Zénith de Lugo) e que xa conta cun grupo de WhatsApp de máis de 100 participantes.
Manuel Álvarez Prieto (Bos Aires, 1934) é un xornalista arxentino que traballou en varias editoriais e medios de comunicación en Uruguai e Arxentina nas décadas dos 50, 60 e 70, e chegou a España no ano 1979 como un manifesto disidente das ditaduras arxentina e uruguaia. Despois dun ano traballando entre Madrid e Barcelona, relacionado profesionalmente con Teresa Pàmies, José Agustín Goytisolo ou Monserrat Roig, viaxou a Lugo (a provincia onde naceran os seus país, en Baleira e Ribadeo) e asentouse ata o día de hoxe traballando durante máis dunha década no diario El Progreso, e colaborando con medios como La Voz de Galicia, Cuadernos del Norte, A Nosa Terra ou Filmspiegel de Berlín, principalmente como crítico de cine e arte.