Galicia pon en marcha un proxecto pioneiro para medir o impacto real das terapias innovadoras en pacientes con dexeneración macular

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reúnese co vicepresidente internacional de Roche Pharma, Padraic Ward. Edificio Administrativo de San Caetano, 02/09/25.

A colaboración entre a Xunta e Roche Pharma suporá a aplicación de novas ferramentas dixitais para medir os resultados de saúde e o efecto dos tratamentos na vida dos pacientes.

Galicia será pioneira na posta en marcha dun proxecto para medir o impacto real dos tratamentos innovadores na vida dos pacientes con dexeneración macular asociada á idade. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director executivo de Roche Pharma Internacional, Padraic Ward, mantiveron un encontro de traballo no que abordaron a posta en marcha deste proxecto innovador no sistema sanitario público galego.

Na reunión tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o director  xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, o director xeral de Roche Farma España, Patrick Wallach e director de asuntos corporativos, Federico Plaza.

Esta colaboración enmárcase na aposta conxunta da Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, e de Roche Fharma por impulsar a medición do efecto social das intervencións sanitarias relacionadas coa dexeneración macular asociada á idade, unha enfermidade que afecta a máis de 40.000 persoas en Galicia e que é a principal causa de cegueira en maiores de 65 anos. 

O acordo tamén abre a porta á posible realización no futuro de cribados poboacionais con ferramentas de intelixencia artificial, ao desenvolvemento de programas de capacitación para profesionais sanitarios en investigación en oftalmoloxía e á implementación de solucións dixitais para a asistencia a domicilio para pacientes con dexeneración macular asociada á idade.

Comeza así o desenvolvemento da Estratexia de resultados en saúde coa que a Consellería de Sanidade busca transformar a asistencia sanitaria, partindo da avaliación dos resultados para mellorar a atención aos pacientes

En colaboración con Roche, desenvolverase no Servizo Galego de Saúde un sistema de preciso de medición de resultados en saúde que busca transformar a asistencia sanitaria para mellorar a atención aos pacientes e das súas familias, sen esquecer a vertente clínica e asistencial.

Neste sentido, prevese o desenvolvemento dun sistema de medición de resultados que posibilitará unha avaliación avanzada que redundará na optimización da xestión e no fortalecemento das decisións clínicas, ademais de permitir un seguimento máis estreito e personalizado dos pacientes.

No caso dos pacientes con dexeneración macular asociada proponse, a futuro, o deseño dun proxecto integral de mellora do proceso asistencial, partindo dun cribado poboacional baseado en ferramentas de intelixencia artificial que se desenvolverá ao longo das distintas fases da abordaxe da enfermidade: diagnóstico, tratamento e seguimento, incluíndo a monitorización remota de pacientes e a incorporación de resultados en saúde.

O acordo estratéxico entre a Xunta e Roche Farma contribuirá, ademais, a fortalecer as capacidades dos hospitais públicos galegos en investigación clínica oftalmolóxica, mediante o impulso á formación dos seus profesionais, con especial foco en oftalmólogos, coordinadores de investigación, persoal de enfermería, farmacéuticos hospitalarios e xestores de datos, e o asesoramento na creación e mellora das unidades de investigación.

O presidente da Xunta agradeceu ao director executivo de Roche Pharma Internacional a súa visita e o seu interese por impulsar acordos pioneiros con Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios