José Tomé agradece aos bombeiros de Lugo a súa «profesionalidade e valentía» na vaga de incendios

O presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, reuniuse hoxe cos sarxentos dos parques de bombeiros para recoñecer e agradecer o seu «intenso e duro traballo» durante a vaga de lumes que afectou á provincia.

No encontro, celebrado no Pazo de San Marcos, Tomé Roca destacou a «profesionalidade, entrega e valentía» do persoal, así como o traballo en equipo con outras administracións. «O seu esforzo non só serviu para conter o avance das lapas, senón tamén para protexer vidas, vivendas e o noso patrimonio natural», subliñou.

O presidente da Deputación recordou que seguiu de preto a emerxencia en Quiroga e A Pobra do Brollón, coordinado co Centro de Coordinación Provincial de Loita Contra Incendios (Cecopi). Asegurou que se puxeron todos os medios do Consorcio ao servizo do dispositivo, actuando con «lealdade, responsabilidade e solidariedade».

Durante a emerxencia, o Consorcio Provincial mobilizou efectivos e vehículos dos parques de Monforte de Lemos, Chantada, Viveiro, Vilalba, Barreiros e Sarria. Os recursos foron reorganizados para garantir que estivesen dispoñibles onde máis se necesitaban.

Comparte éste artículo
No hay comentarios