Benxamín Queiro, voceiro dos nacionalistas en Vimianzo:“Desde o noso grupo estamos coa veciñanza para exixir á Consellería de Medio Rural que poña todos os medios posibles para finalizar o proceso canto antes, e non pararemos de insistir para dar solución a este retraso que consideramos inxusto”.
O BNG de Vimianzo, a través do deputado Oscar Insua, vén de volver a preguntar no Parlamento galego polo retraso na entrega de títulos de propiedade notariais da concentración parcelaria de Carnés e Cereixo, no municipio vimiancés, que seguen sen entregarse desde 2020, ano no que rematou o proceso administrativo de reorganización do territorio en ditos lugares, e que afecta a máis de mil propietarios de parcelas.
Na iniciativa parlamentaria, Oscar Insua pregunta ao goberno galego en que estado se atopan os traballos da concentración parcelaria en Carnés e Cereixo, e cal é a previsión para finalizar de forma definitiva a concentración parcelaria nestas zonas. Ademais, o parlamentario nacionalista quere saber se neste ano 2025 van a entregarse os respectivos títulos de propiedade, e se apareceu algún problema ou inconveniente que impida a finalización do expediente.
O voceiro municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, declarou que “desde o noso grupo estamos coa veciñanza deCarnés e Cereixo para exixir á Consellería de Medio Ruralque poña todos os medios posibles para finalizar o procesocanto antes, e non pararemos de insistir para dar solución a este retraso que consideramos inxusto”.
O portavoz nacionalista sinalou que “cómpre recordar que o proceso de concentración de parcelas foi rematado en firme no 2020, e polo tanto a Xunta debe dar prioridade aos posibles problemas que puideran ter xurdido despois, como así o ten feito noutras concentracións iniciadas con posterioridade á de Cereixo e Carnés, pero nas que, non obstante, xa se entregaron os títulos aos seus propietarios”.
O BNG lembrou que, en xaneiro deste ano, Benxamín Queiroe o deputado Oscar Insua entregaron un escrito con máis de 200 sinaturas da veciñanza na Xefatura Territorial de Medio Rural da Coruña, no que se pedían apurar os trámites.
Ademais, ambos os dous mantiveron naquel entón unha xuntanza coa Xefa de Servizo de Estruturas Agrarias da Coruña, Belén Mosquera, para obter información do estado no que se atopaba o proceso administrativo. A funcionaria de Medio Rural indicoulles que están traballando para que durante este ano 2025 se poidan entregar os títulos definitivos da concentración parcelaria, e que a demora neste asunto debíase a cuestións técnicas que hai que corrixir.