Ameijide: “A delegación da firma de Roberto Fernández evidencia que a Fundación Terreo só é operativa para pagar o sobresoldo do alcalde”

O portavoz popular expón que “levamos tempo advertindo do uso sectario e partidista dos fondos de tódolos lucenses por parte do goberno de PSOE e BNG que preside José Tomé ao dirixir fondos da Deputación de Lugo para ter contentos aos seus amiguetes e seguir mantendo o sillón provincial”.

“O alcalde da Ribeira de Piquín, o socialista Roberto Fernández, vese obrigado por lei a delegar a firma dun convenio entre o Concello e a Fundación TerrEo ao ostentar os cargos de alcalde e tamén presidente da fundación municipal”, segundo explica o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide.

“O propio alcalde o recoñece coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da delegación da firma” na secretaria da Fundación TerrEo. Está obrigado a absterse por lei ao concorrer na causa do artigo 23.2a) da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público por ser administrador da entidade interesada. “Non pode firmar o mesmo documento como alcalde e tamén como presidente da Fundación”, puntualiza.

“Roberto Fernández é como a santísima trinidade: alcalde, presidente e tamén xerente” toda vez que “se autocontratou para dirixir a Fundación TerrEo, que conta co financiamento da Deputación de Lugo”. É dicir, “crearon unha fundación tapadeira para que o alcalde poida cobrar o 25% do seu salario total; xa que dende o Concello dispón dunha dedicación do 75% que se corresponde coa cantidade máxima que pode percibir por lei o alcalde atendendo ao número de habitantes do municipio”.

Ameijide subliña que “a todas luces se ve que non ten ningún sentido que o alcalde acumule todos eses cargos. Só está feita para que poida ter un sobresoldo” porque “a pesar de que os obxectivos da fundación eran xerar emprego e asentar poboación, a realidade é que non xerou novos empregos -entre os poucos empregos que xera atópase o de xerente para aportar o 25% do salario do alcalde- e non asentou poboación á vista dos datos do padrón -A Ribeira de Piquín perdeu 16% de poboación nos últimos 10 anos-.

FINANCIAMENTO DO SOBRESOLDO DO ALCALDE

O portavoz provincial expón que “levamos tempo advertindo do uso sectario e partidista dos fondos de tódolos lucenses por parte do goberno de PSOE e BNG que preside José Tomé ao dirixir fondos da Deputación de Lugo aos seus amiguetes”. Nalgúns casos, alcaldes socialistas reciben para os seus Concellos “convenios aprobados a porta pechada: recentemente Tomé trataba de pechar a crise interna do PSOE lucense con convenios para Castroverde e Guitiriz despois de que os seus alcaldes lle deran plantón no Pleno de xuño. E, noutros, dirixen cartos aos seus caprichos persoais coma as ocorrencias do alcalde de Pol, Lino Rodríguez, ou a financiar sobresoldos coma o do alcalde da Ribeira de Piquín, Roberto Fernández”, que ten limitado o seu salario atendendo ao número de habitantes do municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios