Ampla programación educativa nos Museos Científicos da Coruña para o curso 25-26

A proposta inclúe exposicións interactivas, planetario, talleres científicos, actividades maker, cinema e itinerarios didácticos.

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición do programa educativo da súa rede de Museos Científicos —Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae— cunha ampla variedade de actividades dirixidas ao alumnado de todas as etapas educativas.

A programación para o curso 2025-2026 ofrece propostas adaptadas aos diferentes niveis e áreas do currículo, combinando divulgación científica, experimentación, tecnoloxía e aprendizaxe activa. A iniciativa forma parte do compromiso municipal por achegar a ciencia á infancia e á mocidade, facilitando o acceso igualitario á cultura científica.

Casa das Ciencias

● Sesións de planetario dixital, con diferentes programas en función da idade do grupo visitante (Hazelnuts, A gran aventura do Sistema Solar, Astronomía en directo, entre outras).

● Exposicións interactivas sobre fenómenos físicos, astronomía, luz e son, con instalacións como Exploratorium, Pitiños, O universo de Fredo, Puro Swing ou A astronomía como cha contan.

● Espazos como a miniDomus (ciencia e tecnoloxía a través do xogo), Historia da IA, Emocionarte (intelixencia artificial e creatividade), ou o proxecto Talentos Inclusivos, en colaboración con ASPACE e CITIC.

● Proxeccións no ciclo Claqueta científica, con títulos como Descubre con Tadeo e The Melting Point.

● Talleres no Laboratorio Aberto, como PCR, Xperimenta coas flores, Bocados, Artistas da prehistoria ou Como se desenvolven os fármacos.

● Actividades no espazo maker@domas, con propostas como Robots_garabateadores, Electrónica téxtil, Autómatas de cartón, Circuítos ou Materiais espaciais

Aquarium Finisterrae

● Recorrido polos espazos expositivos: sala Maremagnum, oceanario Nautilus, salas Humboldt, Isabel Castelo, López Seoane e exteriores.

● Itinerarios educativos, tanto xerais como temáticos, sobre biodiversidade, reprodución mariña, cambio climático ou vida submarina.

● Talleres como As charcas da baixamar, Tiburóns á vista ou As focas do acuario, que permiten ao alumnado interactuar coa realidade mariña da contorna.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que “esta programación demostra a aposta continuada do Concello por facer da divulgación científica un recurso educativo ao alcance de todo o alumnado”. Subliñou, ademais, que “contar cunha rede municipal de museos como esta, con acceso gratuíto para os centros da cidade e cunha oferta adaptada a cada etapa educativa, é resultado do compromiso sostido do Goberno de Inés Rey cunha política cultural pública, accesible e orientada ao futuro da mocidade coruñesa”.


Reservas e acceso

Os centros educativos do termo municipal da Coruña teñen entrada gratuíta aos tres museos.

O resto de centros contan con tarifas reducidas, así como opcións de visitas combinadas.

As reservas poden formalizarse a través do formulario dispoñible na web dos Museos Científicos.



Comparte éste artículo
No hay comentarios