Logo de presentadas na Cámara galega máis de 1.300 firmas da veciñanza corcubionesa, o deputado Oscar Insua rexistra iniciativas para saber cales son as razóns polas que a Consellería se nega a incluír as instalacións ofrecidas polo consistorio corcubionés no consorcio Galego de Benestar, e demanda ao goberno galego que atenda á solicitude do alcalde de Corcubión dunha xuntanza coa conselleira de Política Social.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, rexistrou no Parlamento galego varias iniciativas nas que demanda á Xunta de Galiza poña a funcionar o centro de día de Corcubión, lembrando que desde hai 11 anos existen unhas instalacións que están listas para ser empregadas para tal fin, e nas que se podería dar servizo a 22 persoas dependentes.
Esta actuación prodúcese logo de que o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Pilar Tubío, e do propio Oscar Insua, presentaran o pasado 4 de agosto no Parlamento galego máis de 1.300 firmas recollidas entre a veciñanza para esixir que a Xunta abra o centro de día corcubionés.
O parlamentario nacionalista pide ao Goberno galego que impulse e execute a apertura do centro de día, poñendo a funcionar de forma inmediata o edificio rematado, que está en condicións de ser cedido ao Consorcio Galego de Benestar para tal fin. E subliñou que na Costa da Morte non existe ningún centro de día público, polo que a veciñanza da comarca non ten posibilidade de acceder a unha praza da rede pública neste tipo de servizo.
Insua tamén solicita que se atenda á solicitude efectuada polo alcalde de Corcubión dunha xuntanza coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para tratar o tema. O BNG indicou que o rexedor corcubionés, desde que comezou o mandato, pediu reunirse coa conselleira ata en cinco ocasións, “sen recibir a día de hoxe resposta algunha, namentres recibe día tras día a outros alcaldes do partido popular de Galiza”.
Neste senso, o deputado nacionalista pregúntase que criterio segue a consellería para recibir aos alcaldes e alcaldesas galegas. “Adscrición partidaria? Orde cronolóxica das solicitudes? Oportunismo político?”, cuestionou Oscar Insua, que quere saber cales son as razóns polas que a Consellería de Política Social discrimina ao Concello de Corcubión e á Costa da Morte por negarlle a apertura dun centro de día público, ou por non conceder unha reunión ao alcalde de Corcubión.
O parlamentario do BNG preguntouse que “como pode o Partido Popular seguir negándolle un centro de día público á Costa da morte cando estamos vendo como falece xente maior que vive soa nas súas casas? Os falecementos de Muxía desta fin de semana non son algo puntual, xa pasou en máis concellos da comarca; debemos reforzar os servizos sociais de atención aos nosos maiores, e un centro de día como o de Corcubión é fundamental e tamén axudaría nalgunha medida a evitar casos de soidade non desexada”.