O teatro derruba prexuízos e actúa como antídoto contra o odio: o impacto de Soños na mocidade galega

Unha avaliación con máis de 1.200 estudantes revela que a obra aumenta o coñecemento sobre a tutela e xera máis empatía nas aulas.

A obra de teatro Soños, impulsada por Igaxes e Artefeito, converteuse nun exemplo de como a cultura pode transformar miradas e derrubar prexuízos cara á mocidade en situación de tutela. Tras dous anos de xira por toda Galicia, os resultados mostran un cambio significativo: aumenta o coñecemento sobre a realidade da tutela, redúcense os estigmas asociados e medra a empatía entre a mocidade.

Coincidindo co inicio do curso escolar, Igaxes lembrou hoxe a importancia de reforzar o traballo de base nos centros educativos, espazos onde se constrúe a convivencia e se xeran oportunidades de cambio. “Cambiar as miradas cara ás nenas, nenos e mozos en situación vulnerable é tamén mellorar as súas vidas. “Facémolo cun enfoque integral e medindo sempre o impacto, para saber que funciona e que non”, concluíu o director da entidade, Carlos Rosón. Neste contexto, o vindeiro sábado 20 de setembro terá lugar a última representación de Soños, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, grazas á colaboración desinteresada do Concello de Santiago, que cedeu o espazo para facer posible esta función final. A representación será na Sala Mozart ás 20:00 horas.

Foi precisamente a través destas representacións que se puido analizar o seu impacto real no alumnado participante. Un proceso de avaliación de dous anos de xiras escolares financiadas pola Consellería de Política social da Xunta de Galicia, Abanca, Gadis e microdoazóns do tecido empresarial das distintas localidades, realizouse con máis de 1200 estudantes de secundaria e bacharelato, e confirma o impacto da iniciativa. Antes da intervención, só o 49 % do alumnado sabía que significaba estar en tutela, fronte ao 71 % despois da obra. As explicacións simplistas, que reducían as causas da tutela a problemas individuais, pasaron de representar o 60 % das respostas ao 22 %, mentres que as interpretacións máis complexas e realistas medraron do 40 % ao 78 %. 

En total, Soños chegou a máis de 2.500 persoas en vinte localidades galegas, combinando funcións abertas e escolares, e acadando un público prioritario: estudantes de 15 a 17 anos, que conviven nos seus centros con mozas e mozos tutelados.

Igaxes destacou que a cultura é unha aliada esencial para educar sen culpabilizar e combater os discursos de odio. “Non se trata de crear bandos, senón de mellorar a convivencia, de xerar empatía e entendemento”.

A entidade puxo tamén en valor a colaboración con Artefeito, coa directora Tamara Canosa e co elenco actoral, que traballaron con gran sensibilidade para construír unha ficción realista baseada na experiencia directa de mozas e mozos tutelados. Segundo Igaxes, esta alianza mostra que a cooperación entre cultura e acción social funciona, e por iso a organización seguirá explorando este camiño, ampliando colaboracións con ámbitos como o deporte e outras áreas de impacto social.

Sobre Igaxes
Igaxes é unha organización que leva máis de 25 anos traballando en Galicia para mellorar a vida das nenas, nenos e mozos en situación vulnerable, acompañándoos no seu camiño cara a unha vida adulta autónoma. O seu labor combina intervención directa, investigación social e incidencia política.

Comparte éste artículo
No hay comentarios