Puente avanza a Rego que o estudo para a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza contempla catro zonas principais e unha complementaria: área da Coruña, área de Vigo, unha área atlántica global e unha interior, ademais do ancho métrico.
Durante a interpelación realizada pola organización nacionalista, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Ministro de Transportes cumprir os compromisos recollidos no Acordo de Investidura coa formación nacionalista e a “dar pasos decisivos” para poñer fin á discriminación histórica que sofre á Galiza en materia de investimentos ferroviarios. No concreto, Rego fixo fincapé sobre a necesidade de que durante esta lexislatura se implante os servizos ferroviarios de proximidade e valorou positivamente, a priori, o esquema contemplado no estudo que está a elaborar o Ministerio.
Rego lembrou que o Goberno comprometeuse a elaborar o estudo para implantar servizos de tren de proximidade nas principais áreas urbanas do país e subliñou que a sociedade galega agarda que, antes de rematar a lexislatura, estas liñas entren en funcionamento. “É o BNG quen situou na axenda do Estado a necesidade de trens de proximidade, mentres outros se limitaban a presumir do AVE ou a pedir máis rapidez na conexión con Madrid” destacou.
Neste sentido, o Ministro de Transportes afirmou que o estudo concluirá antes de que remate o ano e avanzou que se están a estudar catro zonas principais e unha complementaria. Coruña, Vigo, liña Atlántica global, unha liña de interior e unha complementaria referida ao ancho métrico.
“É urxente que cumpran eses prazos e se poña en marcha o servizo de cercanías antes de rematar a lexislatura. Parécenos, a priori, positivo ese enfoque de considerar a proximidade non estritamente nas áreas urbanas e metropolitanas, senón tamén nunha Media Distancia que na Galiza realmente fai ese servizo” explica o deputado do BNG. Néstor Rego valora positivamente a idea de que haxa catro áreas e unha complementaria xa que “estaríamos dando practicamente un servizo de proximidade aos principais núcleos de poboación do País”.
O deputado nacionalista defendeu que a prioridade para a maioría social galega non é a alta velocidade, senón garantir a mobilidade cotiá con servizos ferroviarios fiábeis, frecuentes e accesíbeis. Nese sentido, reclamou avanzar con urxencia na modernización das conexións A Coruña–Ferrol, A Coruña–Lugo e Ferrol–Ribadeo, na saída sur de Vigo para a conexión con Portugal e na mellora da liña do Miño. Tamén pediu recuperar servizos suprimidos durante a pandemia, como o tren nocturno Monforte-Barcelona, e corrixir as discriminacións tarifarias que sofren os usuarios galegos respecto doutros territorios con Cercanías.
“Ferrol segue a ser a cidade peor comunicada por tren da Galiza, con tempos de viaxe inasumíbeis no século XXI. É urxente modernizar as infraestruturas e renovar o material rodante” advertiu Rego, quen tamén sinalou que a fiabilidade do servizo é clave para fomentar o uso do ferrocarril.
Sobre o AVE, Rego lembrou que “chegou á Galiza con 30 anos de atraso, está incompleto, presenta tramos de vía única e nin sequera garante unha boa conexión con Ourense mentres non se execute a variante comprometida”.
Para o deputado do BNG, o futuro da mobilidade e da transición ecolóxica pasa necesariamente polo tren. “É o transporte máis eficiente, sustentábel e beneficioso para o benestar das galegas e galegos e para a competitividade da nosa economía. O Goberno debe estar á altura e saldar dunha vez por todas a débeda histórica coa Galiza” concluíu.