A Fundación Amigos de Galicia entrega mochilas con material escolar en Ourense e alerta do aumento das solicitudes

A Fundación Amigos de Galicia entregou hoxe en Ourense mochilas equipadas con material escolar adaptado a cada etapa educativa, co obxectivo de garantir que todos os nenos e nenas poidan comezar o curso en igualdade de oportunidades.

As entregas realizáronse na oficina da entidade en Ourense e, de xeito simbólico, no Centro Comercial Ponte Vella, que colabora como punto de recollida de material escolar novo.

Este ano, a entidade detectou un notable incremento nas solicitudes, especialmente de familias procedentes de países de Latinoamérica –como Venezuela, Perú e Colombia– e de África Occidental. A chegada destas persoas a Galicia está a reflectirse nas demandas de apoio escolar, que seguen medrando ano tras ano.

En 2024, a Fundación entregou 1.564 mochilas en toda Galicia. En 2025, a previsión é superar esa cifra, debido ao volume crecente de peticións recibidas, sobre todo nestas primeiras semanas de curso.

Desde a Fundación Amigos de Galicia lembran que a campaña “Nas súas mochilas, o seu futuro” continúa en marcha ata mediados de setembro, recollendo material escolar novo en distintos puntos colaboradores da comunidade. Os artigos máis necesarios son mochilas, estuches, carpetas e libretas, aínda que calquera achega, por pequena que sexa, supón unha axuda fundamental para as familias máis vulnerables.

A entidade agradece a colaboración de empresas, comercios, entidades  e de todas as persoas particulares que coa súa solidariedade fan posible que estas mochilas cheguen aos nenos e nenas que máis o precisan.

As persoas interesadas en colaborar poden facelo achegándose aos puntos de recollida, mercando mochilas a través da webwww.amigosdegalicia.org, realizando un Bizum ou sumándose como voluntarios/as á campaña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios