O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que os traballos teñen un importe de 57.600 euros, dos que Agader financia o 80%.
A Xunta e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel de Orbazai, en Lugo, colaboran na rexeneración dunha senda no entorno do río Mera.
O delegado territorial, Javier Arias, e o presidente da entidade de montes, Pablo González, visitaron hoxe o lugar no que se están a desenvolver os traballos, que servirán para mellorar o acceso tanto a pé como con vehículos á ruta senlleira dos Muíños, na parroquia de Orbazai.
As obras son promovidas pola mancomunidade a través dun convenio coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achega o 80% do orzamento. O importe total ascende a 57.600 euros.
As actuacións de restauración céntranse principalmente na roza e limpeza de vexetación; o refino e replaneo do camiño coa apertura dunha cuneta e a fixación de firme asfáltico e de pedra.
A intervención permitirá recuperar este acceso á ruta dos Muíños, denominada así pola importancia que tiveron os muíños do río Mera para o abastecemento de fariña á cidade de Lugo. A senda estaba deteriorada polo paso do tempo e presentaba un mal estado de conservación.
O delegado lembrou que a Xunta e a comunidade de montes de Orbazai tamén colaboraron para acondicionar a pasarela do río Mera, polo que con esta nova actuación “séguese avanzando na posta en valor dun dos espazos con maior riqueza natural e paisaxística do concello de Lugo”.