O PP lamenta que o complexo turístico de Augasmestas sume “outro verán máis pechado” e leve 18 anos perdidos polos gobernos provinciais de PSOE e BNG

Ameijide agarda que os últimos anuncios do goberno provincial despois de anos de presión do PP signifiquen a súa apertura, pero amósase “escéptico” porque “non se sabe cal é a previsión do goberno provincial, nin o proxecto, nin a que se vai dirixir, nin en que condicións” e, ademais, “recentemente coñeciamos que quedou deserta a licitación do subministro para o equipamento xeral do campamento turístico”.

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, agarda que “coa constante presión do Grupo Popular, despois de 18 anos pechado polos gobernos de PSOE e BNG e ter anunciado a súa concesión fai 10 anos sen que chegara a poñerse en marcha; os últimos anuncios do goberno da Deputación de Lugo signifiquen a apertura e posta en valor” do campamento turístico de Augasmestas, un complexo turístico pioneiro construído por un goberno do Partido Popular en Quiroga. Con todo, lamenta “outra oportunidade perdida” ao pasar “outro verán pechado”.

Ameijide subliñou durante a visita ás instalacións situadas na confluencia dos ríos Sil e Lor xunto ao deputado provincial Héctor Corujo, a presidenta do PP de Quiroga, Rosa Arza, e o portavoz municipal, Adrián González, que “somos escépticos” con respecto ás intencións do goberno provincial. “Non se sabe cal é a previsión do goberno provincial, nin o proxecto, nin a que se vai dirixir, nin en que condicións”, indica. Ademais, recentemente tiñamos coñecemento de que quedou deserta a licitación para a contratación de subministro para o equipamento xeral do campamento turístico.

Ameijide subliña que “do que si temos certeza é de que leva décadas pechado por un problema de saneamento que agora corrixen cun investimento de 35.000 euros. Anos de abandono e de espera mentres sufría actos vandálicos que supoñen un maior custe que a aparente solución ao problema de saneamento”.

É máis, “incluso gastaron unha cantidade similar -29.000 euros- en plantar árbores para o peche perimetral do recinto e que un par de meses despois -a comezos de agosto- xa estaban secos”. É dicir, “case gastaron máis en arbustos que en regularizar a situación do complexo de Augasmestas”.

COMPLEXO TURÍSTICO PIONEIRO

O complexo de Augas Mestas foi inaugurado en 1996 na confluencia dos ríos Lor e Sil, no entorno da Ribeira Sacra e do xeoparque Montañas do Courel, e as instalacións dispoñen de zona de acampada, bungalows, outras construcións de pedra, piscinas – unha para adultos e outra para nenos-, edificios de servizos -recepción, restauración, vestiarios- e, incluso, un pantalán de acceso ao río para embarcacións.

“Un complexo pioneiro que debera ser referente e tractor turístico dun entorno privilexiado que leva anos esquecido polos gobernos provinciais de PSOE e BNG que suspenden en materia de impulso turístico”, segundo considera Ameijide.

Os populares apostan por “dinamizar a actividade na zona” que, ademais, se viu afectada recentemente polos incendios forestais deste verán. Dende o ámbito turístico, “a Deputación pode, dende o complexo de Augasmestas, contribuír a xerar actividade económica coa que se favoreza o impulso de novas oportunidades”.

POSTA EN VALOR DO EMBARCADOIRO

Ameijide cre tamén que “hai que estudar a forma de recuperar as rutas de catamarán dende o embarcadoiro de Augasmestas que foron desmanteladas polos gobernos de PSOE e BNG”.

Así mesmo, defende a compatibilidade do uso do pantalán por parte da asociacións ou entidades asociativas co da propia actividade do complexo; despois de que “o goberno da Deputación negara sen ningún tipo de xustificación lóxica o seu uso por parte doutras entidades”. De feito, “en toda a rede de embarcadoiros da provincia se autoriza o seu uso, por exemplo, a empresas de turismo fluvial dinamizan o sector turístico ao mesmo tempo que poñen en valor o noso territorio”. Polo tanto, “denegar o uso do embarcadoiro de Augasmestas parécenos inxusto e sen ningún tipo de sentido”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios