CCOO: Dedazo e opacidade na adxudicación de prazas por parte da Dirección Xeral de Xustiza

Hoxe publicáronse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado once prazas —tres de xestión procesual e oito de tramitación— que serán cubertas polo sistema de libre designación. Estarán ao servizo do secretario de Goberno e dos secretarios coordinadores, mentres se amortizan esas prazas nos Servizos Xerais de tramitación e execución.

CCOO considera esta medida un «dedazo» e un «ataque directo» ao persoal que traballa nos Xulgados. Non só verán incrementada a súa carga laboral pola redución de efectivos, senón que ademais se vulneran os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade que recolle o artigo 103 da Constitución. Trátase de postos creados á medida para estar ao servizo exclusivo de determinados letrados da Administración de Xustiza con funcións directivas de carácter administrativo.

O sindicato denuncia a opacidade do proceso: non existe tribunal de selección, os criterios non son públicos e as persoas aspirantes son obrigadas a presentaren un currículo e unha memoria de tarefas que nin sequera están definidas. Ademais, a Dirección Xeral de Xustiza outórgase o dereito de entrevistar os candidatos sen garantías nin transparencia.

En resumo: non hai baremos públicos, non existe tribunal independente, descoñécense as tarefas concretas dos postos, e quen os ocupe poderá ser cesado en calquera momento. O resultado é un proceso opaco que promove o servilismo e o enchufismo.

CCOO anuncia que presentará un recurso de reposición para que se revogue esta resolución e os postos volvan ao seu destino orixinal de tramitación. Se a Administración non rectifica, o sindicato acudirá á Valedora do Pobo e estudará accións xudiciais para anular todo o proceso.

Finalmente, CCOO reitera a súa oposición frontal á libre designación como sistema de provisión de postos. Considera que se trata dun mecanismo de enchufismo que busca persoas afíns para actuar como brazo executor da superioridade, mediante un procedemento que vulnera os principios básicos da función pública

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios