Axilizar a implantación das cercanías, continuar coa modernización da rede ferroviaria interna, impulsar as autoestradas ferroviarias, completar o Corredor Atlántico: entre os puntos da moción.
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Congreso dos Deputados unha moción consecuencia de interpelación para o seu debate e votación no vindeiro Pleno, co obxectivo de instar o Goberno a adoptar medidas prioritarias para modernizar e reforzar o transporte ferroviario na Galiza.
O texto inclúe dez actuacións concretas entre as que se recolle concluír o estudo para a implantación do tren de proximidade e iniciar, sen máis demoras, o proceso para a posta en marcha efectiva dos servizos de ‘Cercanías’. “Continuar a actualización e modernización da rede ferroviaria interior galega, con especial atención ás liñas A Coruña–Ferrol, A Coruña–Lugo, Vigo–Fronteira Portuguesa, á Saída Sur de Vigo para alta velocidade e á mellora da liña de ancho métrico Ferrol–Ribadeo” reza a iniciativa. Ademais, a organización nacionalista require finalizar o estudo da conexión ferroviaria Lugo–Santiago e reforzar os servizos e conexións dispoñíbeis.
“Completar, con carácter prioritario, as obras pendentes do Corredor Atlántico de Mercadorías e impulsar as autoestradas ferroviarias e a intermodalidade estrada-ferrocarril no territorio galego” continúa a moción consecuencia de interpelación. Do mesmo xeito, o BNG urxe a rematar as obras pendentes do AVE, especialmente a variante de Ourense e o desdobramento dos tramos de vía única.
Por outra parte, a moción recolle a necesidade de incrementar frecuencias e prazas, revisar e adaptar os horarios para garantir unha mobilidade axeitada, especialmente no Eixo Atlántico e nas conexións con Ourense, así como recuperar a totalidade das frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia.
“Transportes debe aplicar o Plan de Puntualidade, reforzando a fiabilidade do servizo e mellorando a información ás persoas usuarias en caso de incidencias. Do mesmo xeito, hai que estabelecer unha tarifa plana bonificada equiparábel á de cercanías nos tramos de media distancia galegos que cumpren funcións semellantes, eliminando a actual discriminación tarifaria” subliña.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala sinalou que estas actuacións “responden á necesidade de superar o déficit histórico en infraestruturas ferroviarias que sofre a Galiza e que limita a mobilidade cidadá, a cohesión territorial e o desenvolvemento económico”.
Rego lembra que varias destas medidas forman parte dos compromisos de investidura e destaca que o Ministro de Transportes “confirmou que o estudo do tren de proximidade está case concluído, mais é preciso pasar dos anuncios aos feitos. A posta en marcha efectiva destes servizos antes de finalizar a lexislatura é unha cuestión de xustiza coa Galiza e para a vertebración territorial do noso País”.