O BNG levará ao Parlamento a grave situación do centro de saúde de Baleira

O BNG trasladará ao Parlamento galego , a través da deputada Olalla Rodil, a situación que padece o centro de saúde de Baleira, unha realidade que se repite en numerosos concellos do país. A falta de cobertura das vacacións e das baixas do persoal médico titular por parte do goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza provoca que moitas veces os centros queden desatendidos ou atendidos por unha única persoa que, no caso de ter que realizar un desprazamento domiciliario, deixa sen servizo o propio centro.

Onte mesmo, durante unha visita ao centro de saúde, veciñas e veciños trasladáronnos que xa se están dando citas telefónicas para o 22 de setembro unicamente para renovar receitas, unha situación que evidencia a precariedade e a falta de planificación da Xunta do PP.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, asegurou que “o que acontece en Baleira non é un caso illado, senón a demostración do abandono sistemático da Atención Primaria por parte do Partido Popular. É inadmisíbel que persoas maiores, moitas delas con doenzas crónicas, teñan que esperar máis de dez días para unha consulta médica e máis dun mes para renovar unha receita. Isto é poñer en risco a súa saúde e vulnerar un dereito fundamental”.

Rodil tamén lembrou que “vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade. Non pode ser que se nos encha a boca falando de fixar poboación mentres a realidade é que carecemos de servizos básicos de calidade. Se queremos que a xente quede a vivir no rural precisamos garantir condicións de vida dignas, e iso pasa, en primeiro lugar, por ter educación e sanidade públicas fortes”.

Desde o BNG esíxese á Xunta que cubra de inmediato as prazas médicas vacantes e dote ao centro de saúde de Baleira dos recursos humanos necesarios para un funcionamento digno e estable, evitando que a veciñanza quede sen atención ou sometida a esperas inasumíbeis.

O Bloque insiste en que a atención sanitaria é un dereito esencial, non un privilexio. “É unha cuestión de vontade política —engadiu Rodil—. Mentres o PP destina milleiros de euros a propaganda e obras faraónicas, a realidade é que deixa sen médicos a milleiros de galegas e galegos que viven no noso rural”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios