Por un “Monte Galego Vivo e con Futuro”: La PDRA denuncia el abandono del rural tras los incendios

Máis de 150.000 ha queimadas -segundo o satélite Copernicus- falan do abandono do rural, da precariedade dos medios de prevención e de actuación, da teimosía pola plantación de especies pirófitas de crecemento rápido e do fracaso da política forestal da Xunta de Galicia.

Na reunión da PDRA celebrada o pasado mércores 10 de setembro acordamos por unanimidade facer un chamamento ao conxunto da poboación da ría de Arousa a acudir á manifestación “POR UN MONTE GALEGO VIVO E CON FUTURO”, que sae ás 12h desde a Alameda de Santiago o vindeiro DOMINGO 14 de setembro.

Desde a PDRA denunciamos o abandono do rural por parte da administración autonómica nun contexto de cambio climático, de aposta por non renovar a moratoria de novas plantacións de eucaliptos e da precariedade e falta de medios do colectivo de profesionais de prevención e extinción de incendios.

Reclamamos un Servizo Público permanente de Bombeiros/as forestais dimensionado dacordo coa entidade do problema e dotado de medios e formación adecuada para prevención/extinción e xestionado directamente pola Xunta sen privatizacións.

Tamén a declaración de “zona catastrófica” das areas afectadas e un Plan de acción inmediata para paliar a erosión dos solos e impedir a chegada das cinzas aos ríos e rías que poden significar a perda da produción marisqueira. A suspensión da caza e da pesca nas áreas queimadas e zonas circundantes para posibilitar a rexeneración das poboacións salvaxes.

Demandamos o apoio real -non só verbal- da Xunta, tanto ás comunidades de montes en man común como aos particulares, para fomentar o aproveitamento multifuncional do monte evitando os monocultivos de eucalipto e piñeiro.

Reclamamos unha moratoria indefinida para a plantación de especies pirófitas e finalmente axudas reais sen complexidade burocrática para as explotacións agropecuarias afectadas polos incendios.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios