Continúan as melloras nos espazos públicos de Lugo cun novo asfaltado en Castelo de Abaixo

Este luns comezará a renovación do asfalto de tres viais do núcleo, ampliando a calzada existente nunha delas

Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, anunciou que o Goberno de Lugo comezará este luns a renovación do asfalto en varios viais do núcleo de Castelo de Abaixo, «dentro do obxectivo do goberno de manter en bo estado tanto as zonas urbanas como as periurbanas, e garantir o bo acceso a toda a veciñanza».

Os traballos executaranse en tres viais do núcleo, a pista de acceo ás vivendas 60 e 61, onde se vai instalar unha nova capa de rodadura baseada en mestura en quente; a pista de acceso ás vivendas 48-52, onde se habilitará unha capa de formigón debido ao tamaño estreito da pista, que non permite o paso dos vehículos habituais para o asfaltado en quente. Ademais, a existencia de muros de pedra aconsella un pavimento de formigón, para contribuir ao sostemento dos ditos muros. Por último, na pista que une a Casa Outeiro con Barbaín, optouse por ampliar a calzada existente, ampliando con formigón , cunha cuneta remontable formigonada cun espesor medio duns 10cm. 

Penas afirmou que «desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando os traballos en base ás visitas aos barrios e ás reclamacións da veciñanza», e afirmou que «executamos a solución técnica máis axeitada a cada un dos espazos nos que intervimos, garantindo un resultado de calidade e duradeiro».

Comparte éste artículo
No hay comentarios