CCOO de Lugo planta cara á represión sindical do PSOE e BNG no Concello de Lugo

A Unión Comarcal de CCOO de Lugo, a través da súa Comisión Executiva e do Consello Comarcal reunidoen fecha 12/09/2025 —máximo órgano de decisión do sindicato na comarca—, quere denunciar publicamente a situación de hostilidade, bloqueo institucional e ataque á liberdade sindical que están a sufrir os delegados e delegadas do sindicato no Concello de Lugo.

Nos últimos meses, a acción sindical de CCOO na administración local está sendo obxecto de obstáculos deliberados que buscan silenciar e deslexitimar a representación lexítima das traballadoras e traballadores municipais. Esta realidade constitúe unha vulneración grave de dereitos fundamentais recollidos no Estatuto dos Traballadores, na Lei Orgánica de Liberdade Sindical e nos tratados internacionais de dereitos laborais.

Desde CCOO lembramos que o sindicalismo non se mendiga nin se tolera: exercese. Por iso, o Consello Comarcal e a Executiva de CCOO Lugo:

  • Respaldarán  aos seus delegados e delegadas no Concello de Lugo.
  • Denunciarán publicamente calquera intento de represión sindical ou persecución.
  • Reforzarán a acción sindical con apoio xurídico, mobilización social e comunicación pública.
  • Esixirán ao Goberno municipal un cambio inmediato de actitude, con respecto, diálogo real e garantías para o desenvolvemento pleno da actividade sindical.

CCOO alerta de que a persecución sindical non é só un ataque ao sindicato, senón a toda a clase traballadora: quen pretende calar a CCOO está atentando contra dereitos colectivos conquistados tras décadas de loita.

Esta situación non vai quedar oculta. A resolución aprobada polo Consello e pola Executiva Comarcal será remitida ao Goberno municipal e difundida amplamente para mobilizar o apoio social necesario en defensa da dignidade do sindicalismo de clase.

CCOO de Lugo non vai recuar: fronte á represión sindical, máis organización, máis loita e máis mobilización.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios