Rego defenderá no pleno unha iniciativa para que o Goberno transfira vivendas, solos e promocións á Galiza e facilitar o acceso á vivenda aos galegos e galegas.
O Bloque Nacionalista Galego anuncia que levará a debate e votación unha iniciativa no vindeiro pleno do Congreso para demandar a transferencia de todos os activos da SAREB á Galiza e poder incorporalos ao parque público de vivenda. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que ante a emerxencia habitacional que sofre a Galiza a organización nacionalista aposta por transformar os 4.000 activos en fogares dignos a prezos xustos e chama o resto de formacións políticas a apoiar esta iniciativa.
Co obxectivo de dar resposta á emerxencia habitacional e garantir o dereito á vivenda na Galiza, o BNG defenderá mobilizar os activos da SAREB e transferilos á Xunta de Galiza -Administración competente en materia de vivenda- para que se poidan incorporar ao parque público de vivenda e destinalos a vivenda pública e alugueiro social. Esta iniciativa, que forma parte das propostas da organización nacionalista en materia de vivenda, procura transformar os milleiros de inmóbeis que permanecen baleiros en oportunidades reais.
“Os activos da SAREB foron rescatados con aval público, saíndo dos petos de todos os galegos e galegas. Cada piso baleiro da SAREB na Galiza, cada terreo ermo no País, é unha oportunidade perdida para que unha familia ou as mozas e mozos galegos que precisan dun fogar” destaca o deputado do BNG.
Néstor Rego cualifica esta proposta como “unha medida valente, factíbel, ambiciosa e necesaria” que permite aliviar a emerxencia habitacional. “A xestión da SAREB -agora moitos destes activos transferidos á SEPES- foi desastrosa e un fracaso clamoroso. En moitas ocasións puidemos ver que actuaba como un verdadeiro fondo voitre: acosando veciñanza en Narón, Burela, Ares ou Vigo; ou mesmo recortando subministracións e buscando o desaloxo de fogares. Actuacións, todas elas, intolerábeis” denuncia.
Ante esta situación, o deputado do BNG no Congreso chama o resto de forzas políticas a apoiar esta iniciativa e “rachar co ciclo da especulación” transformando as vivendas propiedades da SAREB “nun verdadeiro instrumento ao servizo do pobo galego”