Esquerda Unida (EU) condena con firmeza o ataque acontecido esta pasada noite no centro de acollida de menores migrantes en Monforte de Lemos. A formación cualifica esta acción como un ataque xenófobo e racista, e sinala que esta agresión pon nunha «situación de total vulnerabilidade á mocidade migrante que nin tan sequera ten chegado a Galicia», segundo Lino Costas, coordinador nacional de EU.
Para Esquerda Unida, este feito pon en evidencia as deficiencias no modelo de xestión da Xunta de Galicia para a acollida de nenos e nenas migrantes. O coordinador nacional de EU critica que «meter a todas as crianzas nun centro de Monforte supón unha clara falla de integración». Segundo Costas, este modelo impide que os mozos e mozas poidan «acceder a diferentes recursos de formación e emprego no conxunto de Galicia e non nun mesmo lugar», o que favorece a creación dun «gueto».
Lino Costas engade que a situación é alarmante, especialmente tras as declaracións do candidato de Vox, que «afirma que esta situación vaille xerar votos».
O ataque ao centro produciuse tan só uns días despois da súa inauguración. «Non sabemos quen foi, pero todo apunta a algún tipo de organización de ultradereita que non necesariamente é de Monforte», subliñou o coordinador nacional de Esquerda Unida.
O partido fai un chamamento á reflexión colectiva sobre se «este é o xeito e o lugar no que queremos dar acollida a estes mozos e mozas».