Gómez Besteiro condena o atentado con cócteles molotov en Monforte e chama a “plantarse” ante a ideoloxía ultra

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, condenou hoxe en Pontevedra o ataque con artefactos incendiarios que sufriu o inmoble que a Xunta prevé destinar a centro de acollida para nenos migrantes en Monforte. Besteiro cualificou este tipo de delitos de odio como «consecuencia directa» dunha ideoloxía que «entre todos e todas temos que parar».

Durante unha visita ao encontro de emprendemento Pont-Up Store, o líder socialista apelou á «responsabilidade» de toda a sociedade, «políticos e políticas tamén», para evitar que estes ataques sigan a producirse. «Esas actitudes merecen o noso desprezo e a nosa condena clara», afirmou, e expresou a súa confianza en que a investigación policial permita dar coas persoas autoras canto antes.

Condena ao xenocidio en Gaza e apoio ás vítimas dos lumes

Ademais, Besteiro referiuse á crise humanitaria en Gaza, insistindo en que o Partido Socialista continuará denunciando o xenocidio «a diario» para reclamar a paz. Criticou a aqueles que se poñen «de perfil ante a barbarie», en referencia ás ausencias nos minutos de silencio polas vítimas, convocados onte pola Fegamp.

O secretario xeral do PSdeG tamén aproveitou para trasladarlle o seu «apoio e ánimo» á veciñanza de Pantón e do Bolo, ante a vaga de lumes que está a asolar os dous concellos e que xa levou á intervención da UME.

Aposta polo emprendemento e a economía social

Na súa visita á feira, Besteiro eloxiou a iniciativa Pont-Up Store, destacando a súa aposta por proxectos relacionados co rural, as mulleres, a innovación e a economía social, «algo tan relacionado co que os e as socialistas defendemos». O líder socialista valorou a implicación de institucións como a Zona Franca de Vigo, que apoian «este proxecto que conecta o coñecemento co impulso á economía».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios