A formación nacionalista pide que escolas, casas culturais e instalacións deportivas para menores sexan de acceso libre, e critica os atrancos que a alcaldía pon ao labor da oposición.
O BNG de Vimianzo manifestou o seu total desacordo coa decisión do goberno municipal de impoñer taxas polo uso de espazos públicos. A formación nacionalista solicita que as antigas escolas e as casas culturais sexan de acceso gratuíto, así como a utilización das instalacións deportivas por parte de menores de 18 anos.
Segundo o BNG, estes espazos –sexan de carácter deportivo, cultural ou de lecer– foron financiados cos recursos da veciñanza e deben manter a súa función esencial como lugares de encontro, convivencia e dinamización social. No caso das antigas escolas rurais, lembran que a súa relevancia é aínda maior debido ao peche progresivo de establecementos hostaleiros, que tradicionalmente cumprían ese papel de socialización.
Ademais, o grupo nacionalista denuncia as dificultades constantes que, aseguran, a rexedora municipal está a poñer ao traballo da oposición ao longo da lexislatura.
O portavoz municipal do BNG, Benxamín Queiro, declarouque «o labor da oposición require transparencia e acceso á documentación en tempo e forma. É totalmente inxustificable sufrir atrasos deliberados de ata catro meses para consultar expedientes ou recibir a documentación plenaria apenas un día antes da sesión.»