O Concello de Tui presentou a nova identidade conmemorativa para o VIII Centenario da Consagración da Catedral de Tui, que contará con actos programados desde o 30 de novembro deste ano ata novembro de 2026.
A imaxe, deseñada por Anónimo Advertising, toma como punto de partida á propia Catedral de Tui, símbolo de identidade da vila e un dos principais referentes do patrimonio galego. Plasmouse cunha estética simple e minimalista, sen renunciar ao respecto pola historia e á esencia do monumento, o que garante que sexa recoñecible.
Na composición destacan catro elementos arquitectónicos esenciais: o carácter amurallado do conxunto, as torres laterais, o pórtico co seu característico arco oxival e a cruz superior, como emblema espiritual. O resultado é unha identidade visual versátil, funcional e contemporánea, pensada para adaptarse a todo tipo de formatos.
Con esta proposta gráfica, apóstase por unha linguaxe visual que conecta co presente sen esquecer o pasado, e que pon en valor os 800 anos de historia dun dos grandes monumentos galegos.
O comité de honra das celebracións será presidido polos Reis de España, Don Felipe VI e Dona Letizia, xunto ao presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, un feito que subliña a importancia histórica e cultural deste acontecemento a nivel nacional e internacional.
Esta nova identidade acompañará á Catedral de Tui ó longo do ano, contribuíndo a difundir a súa historia e patrimonio entre veciñanza, visitantes e toda persoa que valore a arte e a cultura.