UCIN Galicia denuncia o incumprimento da Lei de Accesibilidade nas obras públicas do Milladoiro

UCIN Galicia critica as deficiencias de accesibilidade nas obras do Milladoiro e pide ao Concello de Ames que cumpra coa lei

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, manifestou a súa «grande preocupación» polo estado das obras públicas no Milladoiro, en Ames. A formación política denuncia o que considera un «grave incumprimento» da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade universal.

Segundo Calo, as obras en marcha están «mal executadas e teñen un futuro incerto», a pesar das promesas do alcalde de que o Milladoiro «está a cambiar». UCIN Galicia sinala a «grande cantidade de pasos de peóns inaccesibles» como unha das principais deficiencias, que crea «unha barreira evidente para moitos veciños e veciñas».

«Non podemos permitir que a falta de planificación e de compromiso coas persoas con discapacidade sexa a tónica das obras municipais», afirmou José Luis Calo. «Esiximos que o Goberno de Ames asuma a súa responsabilidade e que as obras se realicen respectando os dereitos de todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás».

UCIN Galicia subliña que a accesibilidade universal non é unha opción, senón un dereito que debe ser respectado en todas as infraestruturas públicas. Por iso, fan un chamamento urxente ao goberno local para que corrixa estas deficiencias e garanta que todas as obras se adaptan á normativa vixente.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios