O portavoz popular lamenta que “a posibilidade de rexistrar danos nos vehículos sexa a realidade do día a día dos veciños e veciñas da provincia e dos usuarios da rede provincial”.
O voceiro do Grupo Popular na Deputación, Antonio Ameijide, advirte que “a rede de estradas provinciais rexistra accidentes con frecuencia debido ao mal estado do firme das estradas que son titularidade da Deputación de Lugo, derivado dunha total falta de mantemento por parte dos gobernos de PSOE e BNG durante os últimos 18 anos. Socialistas e nacionalistas desentendéronse do coidado das vías de titularidade provincial”.
Ameijide especifica que “o goberno de PSOE e BNG recoñece o nefasto estado das vías provinciais” ao continuar resolvendo varias reclamacións por responsabilidade patrimonial polos danos ocasionados a vehículos que “evidencian o mal estado de moitos puntos das estradas da Deputación”.
O goberno provincial resolveu nun prazo de 10 días tres novas reclamacións por responsabilidade patrimonial por danos en vehículos.
Unha delas correspóndense cun impacto nunha roda no p.k. 58 da LU-P-1611 no mes de abril deste ano como consecuencia dun bache que non se apreciaba ao estar cheo de auga. Tamén na LU-P-1611 -coñecido como cinto comarcal- se rexistraba en novembro do 2024 outro sinistro á altura do p.k.72 onde un vehículo impactaba cunha fochanca de gran profundidade provocándolle danos materiais.
Outro caso rexistrouse o pasado mes de marzo no p.k.1,8 da LU-P-5901 en Canaval (Sober) ao pasar sobre baches que ocupan toda a calzada nun tramo recto a nivel sendo de día e co asfalto seco. O vehículos sufriu danos no pneumático posterior dereito.
Estas reclamacións resoltas nas últimas semanas súmanse a outras 36 resoltas no que vai de ano. Así, nos primeiros oito meses do ano -35 semanas- a Deputación de Lugo tivo que responder por 39 sinistros nas vías da súa titularidade; é dicir, a máis dunha por semana.
O popular lamenta que “esta sexa a realidade do día a día” dos veciños e veciñas da provincia e dos usuarios da rede provincial. “As estradas da Deputación son imprescindibles para garantir a mobilidade diaria dos lucenses e os servizos no territorio, pero todo parece indicar que non é unha preocupación de primeira orde para PSOE e BNG”. E engade que “un goberno do Partido Popular foi capaz de construír os 4.217 km de estradas da Deputación de Lugo, pero os gobernos de PSOE e BNG, con moito máis orzamento, non son capaces de mantelas en bo estado de conservación”.
O voceiro popular subliña que “todas as reclamacións seguen, lamentablemente, a darnos a razón sobre a perigosidade da rede viaria provincial que se atopa nun estado moi mellorable na práctica totalidade dos concellos da provincia, xa que José Tomé unicamente se preocupa das estradas provinciais que pasan polo Concello onde é alcalde”.
Ameijide incide en reclamar ao goberno de PSOE e BNG “tomar en serio o mantemento da rede viaria provincial” para “garantir a seguridade dos usuarios e usuarias”.